Unha mirada íntima: A exposición 'sóloEdades' de Fernando Barreira conmemora os seus 44 Anos de produción artística Imprimir
Martes, 14 Maio 2024 12:24

O vindeiro xoves 16 de maio,  ás 20:30 horas, a Sala de Exposicións do Concello de Verín acolle a inauguración oficial da mostra “sóloEdades”, do artista verinés Fernando Barreira. Este proxecto multidisciplinar, que estará aberto ao público ata o 16 de xuño, conmemora os 44 anos de produción plástica do polifacético artista verinés.



Fernando Barreira regresa tras 7 anos de ausencia cunha exposición multidisciplinar que conmemora a súa prolífica carreira a través da iconografía autobiográfica do artista. Desde o 16 de maio ata o 16 de xuño, os visitantes terán a oportunidade de explorar as ilusións, desvelos e obsesións plasmadas nesta mostra, que inclúe unha escolma de varias das súas obras máis emblemáticas; como o tríptico das Lanzas, unha peza épica nunca antes exposta ao público.

A exposición, curada por Tareixa Taboada, convida ao público a mergullarse nunha viaxe emocional a través das obras de Barreira, onde cada detalle transpira a esencia do artista e as súas reflexións sobre a vida, o amor e a identidade. Desde a sofisticación do debuxo ata a hipertrofia figurativa das súas formas, a obra de Barreira desafía a gravidade e transcende as barreiras culturais, fusionando o divino e o humano nunha linguaxe visual única.

«“SóloEdades” é máis que unha exposición; é un encontro coa esencia mesma da arte, un refuxio en tempos de caos onde cada obra se converte nun espello das nosas propias emocións e experiencias», destacou Barreira.

Horario da exposición:

  • Martes a venres: 17:00 a 21:00 h
  • Sábados: 10:00 a 14:00 h