"Saúde mental en perspectiva: A Exposición “Os ollos da mente” acompañará ao espectáculo “Neura" Imprimir
Luns, 29 Abril 2024 10:37

Mañá martes 30 de Abril, e como complemento ao espectáculo de “Neura”, terá lugar no Auditorio Municipal a exposición "Os ollos da mente". A mostra consta dunha serie de máis de oito pezas escultóricas da artista ourensá afincada en Suíza, MJ Domínguez, que teñen como fío condutor a saúde mental.


A idea é que o público de “Neura” teña, antes ou despois de asistir ao espectáculo, outra visión artística arredor do tema que tratamos. Cuestións análogas vistas con diferente sensibilidade e distintos materiais.

A exposición quedará instalada horas antes da representación e será recollida ao finalizar a desmontaxe da escenografía. Cada peza contará cun panel explicativo co enfoque da artista e estará acompañada de elementos interactivos que faciliten a inmersión do espectador.

MJ Domínguez, de TerraSabi Atelier Creation, ten unha longa traxectoria con exposicións individuais no seu país de adopción. A súa obra inspírase nos principios do “wabi sabi” xaponés, derivado da filosofía budista zen. Unha estética que celebra a beleza da Imperfección, a harmonía que reside na natureza, na serenidade e na plenitude. Un concepto que mestura o estético co espiritual.