| Fontes Sonoras: A Eurocidade Chaves Verín presenta un novo festival transfronteirizo, en Verín |
|
|
|
| Xoves, 16 Outubro 2025 00:00 |
|
A Eurocidade Chaves-Verín, AECT, presentou esta mañá, en Verín, na Casa da Cultura, o Festival Fontes Sonoras. Este festival de carácter transfronteirizo e de acceso gratuíto, que se celebrará os días 14, 15 e 16 de novembro, reunirá narradores, poetas e músicos en diferentes espazos de Verín e Chaves para que o público poida gozar de historias, poemas e sons musicais. Estiveron presentes neste acto Samanta Barreira, concelleira de Cultura do Concello de Verín; Conchi da Silva, responsable da organización do festival; e Nídia da Cunha, técnica de Comunicación da Eurocidade. Por parte da Eurocidade, destacouse o obxectivo principal do evento: a creación dun festival que sexa un atractivo cultural e turístico para o territorio e que, sobre todo, proporcione á poboación de Chaves e Verín un evento artístico e cultural compartido. Pola súa banda, Samanta Barreira subliñou a importancia de que estas iniciativas se desenvolvan a través da Eurocidade, afirmando a cultura como un factor de unión. Conchi da Silva explicou toda a loxística e organización do festival, resaltando a relevancia de que se desenvolva de maneira descentralizada entre Chaves e Verín. O festival contará coa presenza de diversas personalidades galegas e portuguesas, como Xavier Frías Conde, narrador; Chus Pato, poeta e gañadora do Premio Nacional de Poesía 2024 en España; Jorge Melícias, poeta e tradutor portugués; e o grupo musical Cantar Poesía. Os diferentes eventos que compoñen o festival terán lugar en varios espazos tanto de Chaves como de Verín: o Museo das Termas Romanas, en Chaves; a Igrexa de Santa María a Maior, en Verín; a Igrexa da Misericordia, en Chaves; así como nas Bibliotecas Municipais e na Casa da Cultura, en Verín. O nome do festival fai referencia á conexión coa auga, un recurso fundamental para o territorio, xa que se trata da Eurocidade da Auga, e tamén á música e ás palabras como fontes de cultura e de achegamento entre a poboación. O festival será presentado tamén na cidade de Chaves, en data que se comunicará proximamente. Esta acción desenvólvese no marco do proxecto EUROCIDADE TERMAL E DA AUGA, cofinanciado pola Unión Europea a través do programa INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. |