Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Exposición 'O camiño real de Castela a Santiago por Ourense, base do camiño de peregrinación da vía da Prata' na Casa do Escudo de Verín
Exposición 'O camiño real de Castela a Santiago por Ourense, base do camiño de peregrinación da vía da Prata' na Casa do Escudo de Verín PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 05 Outubro 2011 10:00

O venres 7 de outubro, ás 19 horas, a Casa do Escudo de Verín acollerá a inauguración da mostra temporal e itinerante 'O camiño real de Castela a Santiago por Ourense, base do camiño de peregrinación da vía da Prata', organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.


Na mesma participarán o director do Museo Xulio Rodríguez González, a comisaria da exposición, Yolanda Barriocanal López, o xefe territorial da Consellería de Cultura e Turismo en Ourense, Gerardo Pumar Pumar, e a concelleira de Cultura de Verín, María Corona Meixeira Romasanta.

A Exposición 'O camiño real de Castela a Santiago por Ourense, base do camiño de  peregrinación Vía da Prata', ten como obxectivo dar a coñecer, de forma gráfica, a realidade histórica desta ruta, unha das máis importantes infraestruturas territoriais de Galicia, o proceso histórico da súa formación e transformación e a valoración do seu valor patrimonial.

A ruta aparece hoxe enmarcada na denominación de “Camiño de Santiago” na Lei 3/1996, de 10 de maio, de Protección dos Camiños de Santiago, co título de “Ruta da Prata”, e en fase de estudio para a proposta de delimitación do seu trazado e zonas de protección. Pero ademais da súa realidade xacobea, ten un propio valor cultural como antiga vía de comunicación que atravesa espazos naturais de gran beleza e contrastes enfeitados cun rico patrimonio, produto dunha longa e fecunda historia.

Tomando como base a documentación de carácter histórico-literario –crónicas, relacións de viaxes e diarios de peregrinación– vaise facendo a reconstrución do seu trazado. Tamén, a través das fontes de arquivo, xeradas polas administracións que historicamente tiveron competencias en materia de construción, mantemento e reparación de camiños, téntase reflectir a precariedade das comunicacións no século XVIII, e o mal estado das pontes, principais obras da infraestrutura viaria, sobre o que tantas veces alzarían as súas voces os pensadores e ilustrados galegos. Para o seu arranxo, en 1746, o Intendente Xeral de Galicia, José de Avilés, ditou unha Instrucción general para la composición de los caminos de este Reino. Os recoñecementos feitos neste ano polos mestres de obras Lorenzo Gosende e Francisco Vidal, para comprobar as súas necesidades, permiten comprobar a natureza do estado destes camiños, así como a inspección feita no ano seguinte polo arquitecto José Vidal, mandado polo Intendente para recoñecer as obras acometidas e marcar o que habería que facer no futuro. A aprobación en 1786 do segundo camiño a Madrid, deu lugar a novos recoñecementos, sendo de grande interese o do deputado Vicente Vázquez del Viso (1798), grande defensor deste proxecto, e o do conde de Guzmán, Inspector Xeral de Camiños (1799), para trazar o itinerario a seguir pola nova estrada de Benavente a Ourense, considerada como fundamental para o progreso económico do reino.

A selección de mapas e planos manuscritos, procedentes de diferentes arquivos e bibliotecas, permite comprobar a densidade dos camiños do século dezaoito, herdeiros dos medievais. Maila a súa sinxeleza, esta achega cartográfica representa unha fonte de grande interese para o coñecemento do territorio, pois neles dáse preferencia ás liñas dos camiños, ríos e pontes, denantes da famosa Carta Geométrica de Domingo Fontán (1845). Pola súa importancia destacan os planos do proxecto da estrada da Portela da Canda a Ourense (1840), do enxeñeiro Alejo Andrade Yáñez, ao recoller o itinerario deste vello camiño de ferradura sobre o que en parte se superporía a nova estrada, así como os deseños das pontes que foron substituíndo as antigas obras de fábrica para salvar as correntes fluviais no seu percorrido.

A transformación da rede viaria interior para servir ao transporte actual requiriu de grandes transformacións. Con todo, o recoñecemento documental deste camiño como parte dun territorio histórico e a valoración dos seus elementos patrimoniais contribúen a subliñar a súa identidade e dimensión en canto vía cultural.

'O camiño real de Castela a Santiago por Ourense, base do camiño de  peregrinación Vía da Prata' poderase visitar ata o 27 de outubro, de luns a sábado, das 10 ás 14 horas e das 16.30 ás 20.30 horas.

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>