Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Da palabra á arte: Verín acolle a “Semana das Letras Galegas” cunha ampla variedade de iniciativas culturais
Da palabra á arte: Verín acolle a “Semana das Letras Galegas” cunha ampla variedade de iniciativas culturais PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 02 Maio 2024 13:26

O Concello de Verín vén de presentar a programación oficial da “Semana das Letras Galegas”, que se celebrará do 10 ao 19 de maio. A concelleira de Cultura, Turismo, Festexos e Conservatorio, Samanta Barreira, anunciou unha serie de eventos e actividades pensados para todas as idades e especialmente deseñados para promover e celebrar a lingua e literatura galegas.



O pleno da Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), en conmemoración do vixésimo aniversario do seu pasamento. Recoñecida como una das grandes figuras da literatura galega dos anos 80 e 90, Villalta destacou pola súa obra sólida e singular que abordaba temáticas contemporáneas con paixón e rigor. A autora, lembrada principalmente pola súa poesía, tamén destacou noutras disciplinas como o teatro, a narrativa e a tradución, entre outros; deixando unha marca significativa no panorama cultural galego.

O Concello de Verín únese a esta celebración cunha ampla axenda cultural onde a literatura, a danza contemporánea, a música, o teatro, as artes plásticas e os conta contos se converterán no epicentro da actividade cultural municipal. «A "Semana das Letras Galegas" é unha oportunidade única para mergullarnos na nosa lingua e cultura. Convidamos a todos os veciños e veciñas a participar e descubrir a beleza da nosa literatura a través das diferentes manifestacións artísticas ofertadas. Estamos comprometidos coa promoción da nosa lingua e esperamos que esta programación sexa un reflexo do noso amor polas letras galegas», explicou Samanta Barreira.

A programación arrinca o venres  10 de maio, ás 18:00 horas. A Biblioteca Municipal de Verín organiza unha sesión de conta contos e manualidades das Letras Galegas, dirixida polo seu voluntariado e enfocada aos seus socios e socias máis pequenos (de 3 a 9 anos). As inscricións son obrigatorias debido ás prazas limitadas.

O mércores 15 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar Salón de Actos da Casa da Cultura a presentación do libro: “Os apelidos do Concello de Verín” de Suso Lantes. Esta obra recolle o estudo filolóxico de máis de 1.000 apelidos, basicamente do Concello de Verín e da comarca de Monterrei. Pretende aportar algunha ‘luz’ sobre a nosa historia persoal, familiar e social. O devir histórico dos apelidos é a historia dos nosos antepasados. Nome e apelidos son aspectos importantes do noso “currículum”: confórmannos e infórmannos do que fomos e do que somos. Aspectos moi valiosos da nosa cultura.

Por outra banda, o xoves 16 de maio, ás 19:30 horas, actuará no Auditorio Municipal de Verín a Banda de Música de Xinzo. Posteriormente,  ás 20:30 horas, terá lugar a inauguración oficial na Sala de Exposicións a mostra “sóloEdades”, do artista verinés Fernando Barreira. Este proxecto multidisciplinar, que estará aberto ao público ata o 16 de xuño, conmemora os 44 anos de produción plástica do polifacético artista verinés.

Xa o propio Día das Letras Galegas (venres 17 de maio) a Praza García Barbón acollerá, ás 12:30 horas, unha actuación de danza urbana contemporánea inspirada na obra de Xela Arias, Premio das Letras Galegas 2021. "Intempestiva", interpretada e dirixida por Sabela Domínguez e Julia Laport (Elahood), é unha expresión en movemento da fervenza creativa das novas xeracións. Gañadora do Primeiro Premio e Premio da Crítica no Certame Coreográfico de Madrid (2021) e do Premio ao Mellor Espectáculo na Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres (2021), esta obra ofrécenos a una excelente oportunidade para reflexionar sobre a importancia da arte e a identidade en tempos cambiantes.

O sábado 18 de maio, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal de Verín será o escenario da representación do espectáculo Made In Galiza”, de Sarabela Teatro. Unha obra de Sechu Sende (Padrón, 1972) que abre as portas ao humor re?exivo, á poética ao alcance de todo o mundo, a través dun texto que move e conmove. O teatro feito emoción, sentimento, plasticidade, e confronto. Cada historia  é diferente e está protagonizada por personaxes retranqueiros, combativos, tenros, cómicos e poéticos. Aguerrida defensa da lingua galega. As entradas xa están dispoñibles en ataquilla.com, por cinco euros.

Por último, o propio domingo 19 de maio, ás 11:30 horas, celebrarase no Auditorio Municipal de Verín a tradicional Gala Músico - Literaria das Letras Galegas. Na mesma recitaranse os poemas gañadores do Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez e leranse os traballos galardoados no Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez. O Conservatorio Profesional de Verín será o encargado de poñer o broche musical a este evento.

“sóloEdades” de Fernando Barreira

Ademais, a Sala de Exposicións do Concello de Verín acollerá a mostra “sóloEdades”. Con 44 anos de traxectoria na escena plástica, Fernando Barreira regresa tras 7 anos de ausencia cunha exposición multidisciplinar que conmemora a súa prolífica carreira a través da iconografía autobiográfica do artista. Desde o 16 de maio ata o 16 de xuño, os visitantes terán a oportunidade de explorar as ilusións, desvelos e obsesións plasmadas nesta mostra, que inclúe unha escolma de varias das súas obras máis emblemáticas; como o tríptico das Lanzas, unha peza épica nunca antes exposta ao público.

A exposición, curada por Tareixa Taboada, convida ao público a mergullarse nunha viaxe emocional a través das obras de Barreira, onde cada detalle transpira a esencia do artista e as súas reflexións sobre a vida, o amor e a identidade. Desde a sofisticación do debuxo ata a hipertrofia figurativa das súas formas, a obra de Barreira desafía a gravidade e transcende as barreiras culturais, fusionando o divino e o humano nunha linguaxe visual única.

«“SóloEdades” é máis que unha exposición; é un encontro coa esencia mesma da arte, un refuxio en tempos de caos onde cada obra se converte nun espello das nosas propias emocións e experiencias», destacou Barreira.

 

 

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>