| Verín acollerá o espectáculo de danza “Coreografías dun DeMente”, unha reflexión artística sobre a saúde mental |
|
|
|
| Luns, 07 Xullo 2025 11:31 |
|
A Praza García Barbón será o escenario, o vindeiro sábado 12 de xullo ás 12:00 horas, do espectáculo “Coreografías dun DeMente”, unha proposta de danza a cargo da recoñecida Fran Sieira Compañía de Danza. Trátase dun extracto de 30 minutos da obra “DeMente”, unha peza que fusiona o baile e a música tradicional galega para abordar, desde unha mirada artística e comprometida, o estigma asociado ás patoloxías mentais ao longo da historia. A coreografía convida a reflexionar sobre a evolución do trato ás persoas con enfermidades mentais, desde a reclusión e o illamento ata as contencións químicas e outros métodos de supresión da súa liberdade. Esta actuación está incluída dentro do programa Cultura no Camiño, unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca dinamizar culturalmente os concellos galegos a través da programación de espectáculos escénicos e musicais de calidade. “DeMente” conta cunha sólida traxectoria internacional, tendo sido programada en 2023 no Festival Internacional de Teatro de Manizales (Colombia), na Fira Mediterrània de Manresa (Catalunya) e dentro da Red Acieloabierto, que reúne festivais de danza contemporánea en espazos non convencionais de todo o Estado. En 2022, a obra foi finalista en sete categorías dos Premios Max, incluída a de mellor espectáculo de danza, e formou parte do proxecto Camiño Escena Norte. Ademais, en 2023, foi unha das propostas seleccionadas na prestixiosa FETÉN, Feira Europea de Artes Escénicas para Nenos e Nenas. |