O Concello de Verín asina asina un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia Imprimir
Luns, 25 Abril 2011 13:07

A sala de xuntas do Concello de Verín acolleu hoxe a sinatura dun acordo marco de colaboración entre o Concello de Verín e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), efectuada polo rexedor Juan Manuel Jiménez Morán e Feliciano J. Sola Limia, presidente da FAXPG.

O ámbito de colaboración deste convenio abrangue as seguintes áreas: desenvolvemento de programas de educación e formación (alfabetización e educación complementaria, garantía social, formación e ensino profesional, recuperación profesional, asesoramento e orientación educativa), plans de actuación destinados a suprimir as barreiras de comunicación co obxecto de que o ente municipal se converta nun exemplo de integración e solidariedade, fomento da colaboración entre o persoal que traballe e participe en programas de persoas con discapacidade. Así como, programa de asesoramento e orientación nas áreas de emprego, formación e asesoramento xurídico, lecer e tempo libre, programas de estudio e investigación para desenvolver medidas que posibiliten a maior integración social do colectivo, e promoción do emprego ordinario e iniciativas empresariais de carácter social.


Este último ámbito radica no compromiso de elaborar programas de actuación que posibiliten e potencien o emprego en centros de traballo, así como naqueles outros que podan formarse no futuro, tanto en empresas ordinarias como centros especiais de emprego de titularidade pública ou privada. Ademais, o ente municipal facilitará á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia un espazo nas instalacións dos servizos sociais municipais destinado á atención das persoas xordas de Verín.

“A sinatura deste convenio ten como obxectivo primordial mellorar a calidade de vida destas persoas, desenvolver accións para evitar a marxinación e eliminar barreiras educativas”, indica o rexedor, “nun municipio que conta con 165 persoas con diferente tipoloxía de xordeira, oitenta deles con certificado de minusvalía”. Por este motivo, desde o Concello de Verín plantéxase a posibilidade de ofertar cursos de lingua de signos para os verinenses interesados/as.