Gala Músico-Literaria das Letras Galegas na Casa da Cultura Imprimir
Venres, 13 Maio 2011 11:55

Mañá sábado, ás 12 horas, a Casa da Cultura de Verín acollerá a Gala  Músico-Literaria das Letras Galegas. No acto actuará o Grupo Instrumental do Conservatorio Elemental de Música de Verín e leranse os traballos gañadores das catro modalidades nas que se organizan o Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez e o Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez.

Está prevista a presenza de Francisco López Rodríguez, director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, entidade que xunto con Gadis son as dúas colaboradoras do Concello de Verín no acto; do alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán; de Xosé Carlos Caneiro Pérez e dos herdeiros de Antonio Fernández Pérez, autores homenaxeados; e de representantes de diversos centros de ensino da comarca de Verín, como os CEIPs de Castrelo do Val, de Oímbra e Amaro Refojo de Verín, os colexios María Inmaculada e Apostólico Mercedario, e os IES Castro de Baronceli, García Barbón e Xesús Taboada Chivite, dos que parte do seu alumnado participou nos certames e estará presente na Gala.

Os certames literarios dos que se entregan os premios neste acto teñen ámbito comarcal e unha dotación económica de 1.440 € en premios en metálico. Nos catro niveis nos que concorren os participantes (5º e 6º de primaria, 1º ciclo de ESO, 2º ciclo de ESO e bacharelato), despois dunha primeira fase de selección nos propios centros, presentáronse este ano un total de 68 poemas e relatos curtos, cuxos autores recibirán na Gala un lote de libros.

Con relación á convocatoria do ano 2010, incrementouse de 6 e 8 o número de centros participantes no Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez e no Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez .