Reunión da Mesa para a mellora da atención ás vítimas da violencia de xénero Imprimir
Venres, 10 Xuño 2011 13:21

O salón de plenos do  Concello de Verín acolleu unha nova reunión da Mesa da para a mellora da atención ás vítimas da violencia de xénero, presidida pola concelleira de Igualdade, María Corona Meixeira Romasanta, a representante da Subdelegación do Goberno de Ourense, Purificación Álvarez Villamaría, e a responsable do Centro de Información ás Mulleres, Carmen Serrano Fernández; e na que participaron traballadores/as sociais das Mancomunidades de Municipios da Comarca de Verín e Conso-Frieiras, Departamento de Educación Familiar de Verín, persoal do Hospital Comarcal, Centro de Saúde, dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Colexio de Avogados/as, Educación e Xustiza.

Ao longo da sesión, amosouse o traballo desenvolvido nestes últimos meses, entre o que se atopa a mellora da atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero desde a área sanitaria, coa realización de informes médicos máis detallados e específicos, a consolidación do equipo da Garda Civil de atención ás vítimas e a formalización das bases necesarias para crear unha comisión de educación familiar.

A mesa para a mellora da atención ás vítimas da violencia de xénero busca mellorar a atención e conseguir a súa adaptación ás necesidades reais das mulleres vítimas de violencia, desenvolver unha actuación integral e multidisciplinar eficaz de modo conxunto e coordinado, garantir os dereitos e liberdades da cidadanía, eliminar a vitimización secundaria; garantir que desde os servizos sociais, sanitarios, policiais e operadores xurídicos se transmita información responsable e unificada ás mulleres afectadas por unha situación de maltrato, optimizar e axilizar todos os recursos existentes para evitar duplicidades, promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e de detección precoz de situacións de violencia na familia, sensibilizar e potenciar a formación continua dos profesionais que reciben demandas de atención a vítimas de violencia e incrementar o nivel de confianza das vítimas no sistema.