Xornada informativa do Banco de Terras de Galicia en Verín Imprimir
Martes, 09 Agosto 2011 10:44

O próximo xoves 11 de agosto, o parque da Alameda de Verín acollerá unha xornada informativa sobre o Banco de Terras de Galicia.

Unha xornada incluída no proxecto “Dinamización do Mercado de Arrendamento de Terras” co que se pretende coñecer e dinamizar a oferta e demanda de terras agrícolas nos concellos de Os Blancos, Baltar, Cualedro, Monterrei, Verín e Vilardevós.

Durante a mesma, de 16.30 a 21 horas, todas aquelas persoas que estean interesadas poderán achegarse a esta zona de Verín para recibir información e consultar calquera dúbida que poidan ter sobre o funcionamento do Banco de Terras e as súas posibilidades na comarca. Ademais, como complemento ás xornadas organízanse unha serie de actividades ao aire libre para nenos e nenas, entres as que se inclúen torre con tirolina, bolas de auga, xogo da oca, gymkana, tiro con arco ou tríker, entre outros.

O Banco de Terras de Galicia, que está en funcionamento desde o ano 2008, persegue contribuír a frear o abandono do medio rural a través da promoción do arrendamento por parte de explotacións agrarias daquelas terras cuxos/as propietarios/as non están aproveitando.