'Cantacontos' na Biblioteca de Verín coa pedagoga e escritora Susa Herrera Imprimir
Luns, 07 Novembro 2011 11:50

O próximo venres 11 de novembro, de 18 a 19.30 horas, a Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerá unha sesión de 'Cantacontos' realizados pola pedagoga, docente e escritora Susa Herrera Ruiz, acompañada pola profesora e artista Merchy Rozas.

Esta sesión destinada a 30 nenos/as con idades comprendidas entre os 3 e 8 anos en compañía dos proxenitores -un pai ou nai por neno/a-, na que esta excepcional contacontos amosará, de modo gratuíto, cancións do seu último libro CD-DVD 'Animais enCantadores', así como dos libros CD como 'Cartas que veñen e van' ou 'Todos os animais ao caixón', entre outros -todos eles publicados pola Editorial Primerapersona-. A autora e letra de todos eles é a propia Susa Herrera, e no caso do proxecto 'Animais enCantadores' as dez cancións están inspiradas nun conto pertencente á colección publicada pola Editorial Corimbo -conformada polos seguintes des títulos: O camaleón, O Dinosaurio, O can, O morcego, O coello, O koala, O pingüín, A ratiña, O porquiño e O poliño-.

Sara Herrera Ruiz, que coñeceu o programa de actuacións destinadas ao fomento da lectura da Biblioteca de Verín no marco da entrega do galardón como Mellor Iniciativa ao Fomento da Lectura para Bibliotecas Públicas 2011 -concedido pola Federación de Gremios de Editores de España-, é na actualidade docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, como profesora titular da área didáctica da expresión musical. Ademais, da súa experiencia docente en todos os niveis educativos desde 1982, Herrera Ruiz impartiu máis de 200 cursos en programas de formación inicial e permanente do profesorado en diversas Comunidades Autónomas do Estado, e tamén  en países de Latinoamérica.

Para participar nesta iniciativa é necesario inscribirse nas instalacións municipais ou no teléfono 988-414776.