'Contos coas mans abertas' sensibilizará sobre a solidariedade internacional en Verín Imprimir
Martes, 15 Novembro 2011 14:02

A xira 2011 do espectáculo ‘Contos coas mans abertas’, promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro das súas actividades de sensibilización, chega á vila ourensá de Verín mañá mércores 16 de novembro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional para a Tolerancia. A representación, organizada polo Concello de Verín en calidade de membro da entidade municipalista, terá lugar no IES García Barbón ás 10.30 horas.

Tras a excelente acollida colleitada en 2010, a proposta músico-teatral creada pola compañía compostelá A Tropa de Trapo para a asociación de Concellos e Deputacións percorrerá este ano un total de 42 Administracións socias. O espectáculo ‘Contos coas mans abertas’, dirixido a público adolescente e adulto, baséase en pezas narradas a dúas voces onde a música en directo cobra especial relevancia.

Instrumentos como a guitarra española ou o laúde árabe mergullan aos espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une a todos. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, ‘Contos coas mans abertas’ é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar e entender o mundo.

Mulleres da aldea, cooperantes, guerrilleiros, vacas, inmigrantes ou unha tribo bosquimá son algúns dos protagonistas das historias de Marta Ortiz e Brais Gutiérrez, dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súa inquedanza pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Desde entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenos, mozos e maiores cos seus diferentes espectáculos.