A Tropa de Trapo presentou o espectáculo 'Contos coas mans abertas' en Verín Imprimir
Mércores, 16 Novembro 2011 14:01

O salón de actos do IES García Barbón de Verín acolleu esta mañá o espectáculo ‘Contos coas mans abertas’ da compañía compostelá A Tropa de Trapo, co obxecto de conmemorar o Día Internacional para a Tolerancia.

Esta iniciativa, promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro das súas actividades de sensibilización e organizada polo Concello de Verín en calidade de membro da entidade municipalista, está dirixida a público adolescente e adulto, e baséase en pezas narradas a dúas voces onde a música en directo cobra especial relevancia.

Instrumentos como a guitarra española ou o laúde árabe mergullaron aos espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falaron do fondo humano que nos une a todos. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, ‘Contos coas mans abertas’ é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar e entender o mundo.

Mulleres da aldea, cooperantes, guerrilleiros, vacas, inmigrantes ou unha tribo bosquimá son algúns dos protagonistas das historias de Marta Ortiz e Brais Gutiérrez, dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súa inquedanza pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Desde entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenos, mozos e maiores cos seus diferentes espectáculos.