Declaración de Loito Oficial e Testemuña de Condolencia e Pésame polo falecemento de Manuel Fraga Iribarne Imprimir
Luns, 16 Xaneiro 2012 19:03

A Corporación Municipal de Verín reuniuse esta tarde, nun Pleno Extraordinario Urxente, co obxecto de realizar unha Declaración de Loito Oficial e Testemuña de Condolencia e Pésame polo falecemento de Don Manuel Fraga Iribarne, onte pola noite, á idade de 89 anos.

A sesión plenaria iniciouse coa ratificación da urxencia da convocatoria, aprobada por unanimidade,  seguida da intervención do rexedor municipal, Juan Manuel Jiménez Morán,  que pronunciou as seguintes palabras:

“Hoxe é un día de inmensa tristeza para o municipio de Verín. Coa defunción de D. Manuel Fraga Iribarne, onte aos 89 anos de idade, Verín perde a un dos seus maiores valedores da súa historia recente.

O 10 de agosto de 1964, o Concello de Verín nomeou ao Don Manuel Fraga Iribarne e a súa esposa Dona María del Carmen Estévez Eguiagaray, natural da vila, como Fillos Adoptivos de Verín. Uns títulos de honra outorgados en agradecemento ás xestións que posibilitaran a creación dun Parador de Turismo da Red Nacional de Paradores, que aí segue funcionando en Monterrei, e a instalación do primeiro reemisor de televisión co que se dotou esta comarca; dúas necesidades para acceder ao progreso nunhas terras ponte entre Portugal e Castela, distantes de tódolos centros de poder, e tan necesitadas, entón como agora, de axudas institucionais.

Desde entón, e ata o día de onte, en que Don Manuel nos deixaba definitivamente, moitas foron as veces en que foi requirida a súa axuda, tanto por particulares como polos representantes públicos deste Concello, converténdose no mellor valedor no ámbito institucional dos intereses do mesmo, destacando especialmente nesta función durante os seus mandatos como presidente da Xunta de Galicia.

Coa adicación e o traballo incansable que o caracterizaban, nunca deixou de realizar unha intermediación constante e efectiva a prol do progreso material desta comarca, apoiando sempre todas e cada unha das iniciativas de desenvolvemento comunitario presentadas polo Concello de Verín.

Por este motivo, sería moi longo resumir todos os proxectos nos que participou, pero é ben certo que Don Manuel fixo tanto polo noso Concello que non se entendería o Verín actual sen a súa axuda e continua colaboración”.

Por canto antecede o Pleno do Concello de Verín acorda:
1. Mostrar en nome do pobo de Verín o máis profundo pesar polo pasamento no día de onte do Excmo. Sr. D. Manuel Fraga Iribarne, nomeado Fillo Adoptivo de Verín mediante acordo do Pleno Municipal adoptado en sesión extraordinaria do día 10 de agosto de 1.964.
2. Declarar 3 días de loito oficial durante os cales as bandeiras ondearán a media asta nos edificios públicos municipais do Concello de Verín
3. Celebrar un funeral en memoria de D. Manuel Fraga Iribarne na Igrexa Parroquial de Verín o xoves día 19 ás 19.30 horas invitando a tódolos veciños deste concello a que acudan a él.
4. Que se lle dé conta deste acordo á familia de D. Manuel Fraga Iribarne expresándolle o testemuño de condolencia e pesar da Corporación Municipal de Verín e de toda a súa veciñanza.

A continuación interviñeron o concelleiro do PSdeG-PSOE, José Agustín González-Ares Fernández, para “darlle as grazas por ser Presidente galego, polo traballo realizado ao longo destes anos, ser unha figura clave na Transición Española e estar sempre á altura das circunstancias dunha España plural”; así como a voceira do BNG, Perfecta Losada Sotelo, “co obxecto de ofrecer as nosas condolencias á familia, amigos, achegados e compañeiros do Partido Popular”.

Este punto tamén foi aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas. Ademais os concelleiros do PP e BNG acordaron non cobrar pola devandita sesión plenaria.