Manuel Manquiña, pregoeiro do Xoves de Comadres en Verín Imprimir
Venres, 03 Febreiro 2012 13:10

O vindeiro día 16 de febreiro, o actor Manuel Manquiña será o encargado de realizar o pregón dunha das xornadas máis participativas, orixinais e emblemáticas do Entroido de Verín: o Xoves de Comadres. Con grandes doses de humor, ironía e risas, o actor aportará unha visión particular aos asuntos de actualidade nunha noite na que se iniciará de modo oficial o ciclo do Entroido na localidade.

Manuel Manquiña é un dos actores galegos máis coñecidos de televisión, cine e teatro. Saltou á fama co filme Airbag, de Juanma Bajo Ulloa, e participou noutras comedias como Torrente, el brazo tonto de la ley. A súa carreira na TVG comezou con diversos programas humorísticos e no cine, baixo ordes de directores galegos como Antonio Blanco e Xavier Villaverde. Cunha trintena de filmes ás costas como Pídele cuentas al rey, Capitanes de Abril, Lena, El caballero Don Quijote, Un rey en La Habana, Los Mánagers, O Apóstolo ou Lobos de Arga fixo ademais monólogos de humor e presentou e cantou en xiras musicais de Siniestro Total e do Xabarín Club.

Coa curtametraxe El figurante conseguiu tres premios á mellor interpretación masculina en distintos festivais: no IV certame de curtametraxes de Antequera, no XXIII festival de cine independente de Elxe, e na XII semana de cine de Aguilar de Campo. Tamén mereceu unha nominación ó premio Goya como actor revelación polo personaxe Pazos na longametraxe Airbag;e o pasado ano 2011 estampou as súas pegadas no Paseo da Fama de Sada, destinado a figuras da arte, cultura e deporte galego. No ano 2010, Manuel Manquiña exerceu como pregoeiro na inauguración da quinta edición da Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei, que contou coa presenza do anterior conselleiro de Medio Rural, Samuel Jesús Juárez Casado ou a secretaria xeral para o Turismo, María del Carmen Pardo López, entre outras personalidades políticas.