Traslado da situación da feira de Verín Imprimir
Xoves, 09 Febreiro 2012 13:14

Coincidindo coas celebracións do Entroido de Verín, que teñen lugar entre os días 9 e 21 de febreiro, a situación da feira do próximo sábado 11 trasládase á rúa Canella Cega, en vez das prazas da Alameda, Maior e García Barbón, como se realiza de modo habitual.

Por outro lado, ao día seguinte a localidade acollerá a celebración do tradicional Domingo de Corredoiro. Ás 11.30 horas está prevista a concentración de cigarróns na praza do Concello, e con posterioridade, terá lugar o saúdo aos fregueses á saída das igrexas Parroquial e RR.PP. Mercedarios,  baixo o son atronador das súas chocas e o castigo dos látegos. Na praza García Barbón, Disco-Móvil Jorge será o encargado da música, e xa na sesión vespertina actuación da charanga Támega e da orquestra Marbella.

Ademais, o vindeiro martes 14 de febreiro remata o prazo de inscrición das comparsas e carrozas interesadas en participar nos desfiles do Domingo e Martes de Entroido, que se debe realizar na Casa do Escudo (de luns a sábado, das 10 ás 14 horas e das 16.30 ás 20.30 horas). Os datos que deben facilitar á hora da inscrición son os seguintes: nome da persoa que inscribe, teléfono de contacto, se é carroza ou comparsa, número de compoñentes e se levan música ou non.