Concurso gastronómico ‘Cigarrón de Verín’ Imprimir
Luns, 12 Marzo 2012 12:44

O sábado 24 de marzo, a partir das 11 horas, o Pavillón Municipal de Deportes de Verín acollerá a realización da quinta edición do concurso Cigarrón de Verín, co fin de converterse nun referente gastronómico e relanzar os produtos e viños da comarca de Monterrei.


Nesta edición os membros do xurado serán Juan Manuel Crujeiras -do restaurante “A Estación' de Cambre, que conta cunha estrela da Guía Michelín-, Alberto Otero -director do IES Vilamarín-, Jorge Paulo -director da Escola Profissional de Chaves (Portugal)- e Carlos Parra -premio D.O. Monterrei 2011 e xerente do restaurante da estación de Baños de Molgas-.

No concurso, de carácter libre e destinado a alumnos/as de escolas de hostalería, profesionais da restauración ou afeccionados, o número de participantes será dun máximo de dous por receita, os pratos presentados deben ser de creación propia e englobarse nunha das tres categorías existentes -prato principal, maridaxe e sobremesa (no apartado de prato principal o ingrediente básico debe ser cabrito, mentres que na categoría de maridaxe ten que ser bacallau)-. Ademais, cada participante debe elixir o apartado no que compite, podendo presentar unha única candidatura, elaboralo en show cooking -cociña en vivo, diante do público, e con explicación ao xurado- e maridalo con viño da D.O. Monterrei.

Elaboración, degustación, presentación, maridaxe e utilización de ingredientes da zona -mínimo tres- serán son os criterios esixidos polo xurado para puntuar os pratos participantes, que optarán aos premios Gran Cigarrón -na categoría de prato principal e cun valor de 400 euros, patrocinado polo Concello de Verín-, Cigarrón Doce -na de sobremesas, e cuxo valor ascende aos 200 euros, por AEVER (Asociación de Empresarios/as de Verín)- e Denominación Orixe Monterrei -ao mellor maridaxe, dotado con 300 euros, apadriñado pola D.O. Monterrei-. Os/as interesados/as en participar no concurso 'Cigarrón de Verín' deben formalizar as súas inscricións antes do 20 de marzo, ata as 14 horas, no Concello de Verín ou no fax 988-411900.

Este evento está organizado polo Concello de Verín e patrocinado por: Eurocidade Chaves-Verín, Inorde, Deputación Provincial, Xunta de Galicia, Gadis, Cabreiroá, Construcciones  Hnos. Carrajo, D.O. Monterrei, Saroni, Socitransa, Pirotecnia Xaraiva, La Caixa, Caja Rural de Zamora, Sousas, Estradas Galegas SL, Espina & Delfín, Losada Rotulación, Aopil SL, Esinor, AEVER e AECOM.