Xornada 'Biomasa e cultivos enerxéticos' en Verín Imprimir
Martes, 13 Marzo 2012 12:47

A Casa da Cultura de Verín acollerá mañá 14 de marzo, de 19 a 21 horas, a Xornada 'Biomasa e cultivos enerxéticos' organizada pola Cámara de Comercio de Ourense, a través da Antena Local de Verín, e o departamento de Desenvolvemento Local do Concello de Verín.

Esta iniciativa ten coma obxectivo amosar as alternativas que a biomasa ofrece para a revalorización dos residuos forestais, xa que o aproveitamento dos restos de monte, ademais de reducir o risco de incendio, constitúe unha fonte de riqueza e de creación de emprego -os principais estudos indican que por cada megavatio instalado pódense crear ata 10 postos de traballo-. Así como, ensinar aos/ás presentes as oportunidades de negocio na comarca de Monterrei, xa que segundo a política agraria común converteranse nunha forma subvencionable de recuperación do chan agrario abandonado.

Na xornada participarán Emiliano Maletta, responsable de biomasa de Ciemat -centro de referencia en España cunha liña de investigación propia en biomasa e cultivos enerxéticos-, e Miguel Balboa, responsable de biomasa de Norvento -empresa galega e líder no sector das enerxías renovables-, cos relatorios 'Potencialidade e rendementos da biomasa. Comarca de Verín' e 'Biocultivos como oportunidade de negocio'.