A Fundación Cruyff apoia a labor de voluntariado na Biblioteca de Verín Imprimir
Sábado, 14 Abril 2012 10:12

A Fundación Johan Cruyff remitiu unha felicitación de apios aos voluntarios da Biblioteca Pública Municipal de Verín, así como camisetas da fundación asinadas polo ex futbolista de xeito personalizado para cada un dos/as voluntario/as, destinada a recoñecer a labor social realizada por estes menores nesta instalación cultural verinense.


Esta fundación, creada no ano 1995, valorou positivamente todas as actividades levadas a cabo na Biblioteca de Verín destinadas ao fomento da lectura e dinamización da instalación, xa que entre elas se integran elementos educativos no contexto da discapacidade, integración social e voluntariado, defendidos tamén por esta fundación que ten por obxecto o desenvolvemento de proxectos educativos destinados a axudar a nenos con discapacidade.

Desde a instalación municipal, e tamén os/as voluntarios/as, queren agradecer a ex futbolista Johan Cruyff e a Pati Roura, persoa que está ao fronte da súa fundación, a deferencia que tiveron cos/coas voluntarios/as, tanto no ánimo outorgado para continuar a desenvolver este tipo de proxecto como no agasallo remitido aos/ás menores.

Todos/as os/as usuarios/as poden informarse tanto na web da Biblioteca http://av.centromultimedia.net/microsite/verin/biblioteca/galego/index.htm, como no perfil da mesma en Facebook http://www.facebook.com/pages/Biblioteca-Publica-Municipal-de-Verin/104133986331021?v=wall