A Eurocidade Chaves-Verín superou o medio millar de visitas nos primeiros meses Imprimir
Mércores, 25 Abril 2012 11:31

Máis de 500 persoas visitaron durante os meses de marzo e abril o territorio da Eurocidade Chaves-Verín, dentro do programa de visitas guiadas gratuítas, promovidas desde a Oficina Municipal de Información Turística de Verín, e destinadas a grupos e asociacións.

Este programa, realizado de modo conxunto polos departamentos de turismo de Verín e Chaves, busca aproveitar o incremento do número de excursións ao territorio da Eurocidade, co obxecto de combater a estacionalidade, reactivar o consumo hoteleiro e de restauración e dar a coñecer en profundidade este territorio, situado nun área territorial na que se encontran unha das maiores concentracións de mananciais de augas minero-medicinais da península, recursos de grande atractivo que constitúen unha motivación á hora de elixir un destino e fonte de oportunidades para este territorio; xa que percorrer a Eurocidade é internarse en dous países onde a auga é fonte de saúde e un río, o Támega, nexo de unión que flúe xunto ao Camiño de Santiago.

A próxima visita guiada, solicitada pola asociación Amigos del Románico, terá lugar os días 28 e 29 de abril. Na mesma participarán aproximadamente 40 persoas, que visitarán patrimonio artístico e histórico do románico tanto do municipio Chaves como da comarca de Verín -igrexa matriz, ponte romano e torre medieval de Chaves, igrexas das freguesías de Sâo Juliâo de Montenegro e Santa Leocadia, Nossa Senhora da Acinheira en Outeiro Seco, igrexa prerrománica de Mixós e castelo de Monterrei-. Con todo, a mesma tamén estará aberta a todos os/as visitantes interesados en participar, previa inscrición ata o día 27 de abril na Oficina de Turismo de Verín, situada na Casa do Escudo (988-411614 / Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ).

A Eurocidade Chaves-Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).