Gala Músico-Literaria das Letras Galegas na Casa da Cultura Imprimir
Mércores, 16 Maio 2012 13:53

Mañá xoves, ás 18 horas, a Casa da Cultura de Verín acollerá a Gala Músico-Literaria das Letras Galegas. No acto, organizado polo Concello de Verín coa colaboración de Gadis, actuará o Grupo Instrumental do Conservatorio Elemental de Música de Verín e leranse os traballos gañadores das diferentes modalidades nas que se organizan o Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez e o Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez.

No Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez e no Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez participan alumnos dos centros de ensino da comarca de Verín  (CEIPs de Castrelo do Val, de Oímbra, O Castiñeiro de Laza e Amaro Refojo de Verín, os colexios María Inmaculada e Apostólico Mercedario, e os IES Castro de Baronceli e Xesús Taboada Chivite), dos niveis de Primaria (5º ou 6ª), 1º ciclo de ESO e 2º ciclo de ESO.

Os centros participantes seleccionan, en cada un dos tres niveis nos que se podía competir en cada premio, tres traballos para a fase final. Todos os autores dos traballos seleccionados como finalistas recibirán un lote de libros e os clasificados en primeiro, segundo e terceiro lugar premios en metálico por importe de 90, 60 e 30 euros, respectivamente. Os traballos, orixinais, inéditos, con temática e estilo libre e escritos en galego, non superarán unha extensión de 24 versos para competir no Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez; nin de 2 DIN A4 escritos por unha cara, con tipo Times New Roman de corpo 12, e marxes estándar e a un espazo e medio de interliñado, se concorren ao Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez

Por outra banda, desde o 18 de maio ata o 8 de xuño, permanecerá aberta na Casa do Escudo a exposición MMQmmr, con obras realizadas por alumnado do departamento de Debuxo do IES Xesús Taboada Chivite. A exposición poderase visitar de luns a sábado das 17 ás 20.30 horas, e ofrece horarios alternativos para grupos e visitas con cita previa.