'Títerehop' na Piscina Climatizada de Verín Imprimir
Venres, 18 Maio 2012 13:00

A Piscina Climatizada de Verín acollerá mañá sábado, ás 10.30 horas, a actividade de 'Títerehop', do programa FalaRedes! organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración do Concello de Verín.

A iniciativa 'Títerehop', a través da fusión dos títeres e o hip-hop, amosa como resultado unha actividade desenvolvida por García MC e Viravolta títeres na que os/as adolescentes de 13 a 17 anos comprenderán que non é necesario cambiar de lingua para facer música considerada moderna. O primeiro dos obradoiros de 'Títerehop' forma os/as mozos/as na creación de rimas e letras para as cancións, mentres que o segundo, céntrase na construción dun monicreque cantor. E cos coñecementos adquiridos só queda poñer en valor as dotes artísticas dos/as participantes cunha demostración dos títeres cantantes de hip-hop, mediante interpretacións de base musical que se colgarán na web www.titerehop.wordpress.com

Devandita iniciativa xunto com 'Galego de Cine' e 'O señor das dunas' conforman o programa FalaRedes!, destinado a tres tipos de público: infantil, xuvenil e xeral. Mentres os/as máis pequenos/as convértense en espectadores/as de cine e artistas da grande pantalla na caravana de Galego de Cine; os adolescentes comporán cancións con materiais reciclados, e as historias tradicionais plamáranse co 'Señor das dunas', para apostar pola dinamización lingüística para o público xeral. Os obxectivos de FalaRedes, dentro do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, son crear espazos de uso e da aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da comunicación para promover unha imaxe da lingua galega ligada a valores positivos.