O Fondo Galego destina 50.000 euros a proxectos dos axentes galegos de cooperación no Sur Imprimir
Martes, 22 Maio 2012 09:00

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinará este ano 50.000 euros ao financiamento de proxectos de axentes de cooperación galegos en países do Sur, aínda que a cifra é revisable á alza. Hoxe martes, 22 de maio, ábrese o prazo para a presentación de solicitudes, que se estenderá ata o 22 de xuño. A convocatoria está dirixida a entidades con presenza real en Galicia e busca contribuír ao fortalecemento do tecido solidario galego.

As accións executaranse en zonas cun índice de desenvolvemento humano (IDH) medio, baixo ou moi baixo, tendo preferencia os países prioritarios para o Fondo Galego (Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú) e a lusofonía. Deberán ademais favorecer a participación da poboación beneficiaria e procurar un desenvolvemento sostible, a través da transformación social. A loita contra a pobreza, a equidade de xénero e o respecto medioambiental serán eixos transversais a ter en conta, canda o enfoque de Dereitos Humanos. Tamén se valorará que o sector de actuación estea directamente vinculado ao eido local.

Unha comisión técnica constituída por representantes de diferentes Deputacións e Concellos avaliará as propostas, aínda que será a Asemblea de socios quen aprobe a resolución da Comisión Executiva. A subvención será de ata 20.000 euros por proxecto e a decisión final publicarase nas webs do Fondo Galego de Cooperación e da Federación Galega de Municipios e Provincias. As bases da convocatoria, redactadas tras escoitar as propostas das ONGD no Consello Municipalista da Cooperación, están dispoñibles en www.fondogalego.org.