Bando Municipal Imprimir
Xoves, 31 Maio 2012 11:37

Coa chegada do verán aumenta o risco de incendios forestais no noso Concello considerado como un dos concellos de "alto risco". É de máximo interese para todos os veciños de Verín que as fincas, montes e soares existentes no Concello se atopen nun axeitado estado de limpeza e coa masa vexetal desbrozada. Se ben este é un deber que teñen os propietarios de terreos durante todo o ano, nestas datas cobra unha especial relevancia perante o risco de incendios.

A legislación vixente é moi clara ó respecto; así de conformidade co disposto no artigo 7 da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia en consonancia cos artigos 9 e 199 da Lei de Ordenación urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, e 24 do Regulamento de disciplina urbanística, obriga ós propietarios de terreos, urbanizacións de iniciativa particular e edificacións a mantelas en condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade, ornato público e habitabilidade segundo o seu destino, e de acordo coas normas sobre protección do medio ambiente, do patrimonio histórico e da rehabilitación. Así mesmo, corresponde ó Concello ordear a execución das obras necesarias para conservar aquelas condicións.

Por outra banda, comunícase que de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, na época de alto perigo queda prohibido realizar fogueiras para recreo ou ocio e para a confección de alimentos (nin nas zonas autorizadas para elo), así como a utilización de equipamentos de queima ou combustión destinados á iluminación.

Así mesmo, queda prohibida a queima de matogueiras cortadas ou amontoadas e calquer tipo de sobrantes de explotación, limpeza de restos ou calquera outro obxecto combustible.

O incumprimento de ditas prescricións podería dar lugar a imposición de importantes sancións económicas previstas na Ordenanza municipal sobre civismo, reguladora do uso e limpeza da vía pública e a protección da paisaxe urbanística, que oscilarían  entre 300,5 a 3.005 euros, reiterables até lograr a execución do ordeado, de conformidade co establecido na citada norma.

Juan Manuel Jiménez Morán,
Alcalde do Ilmo. Concello de Verín