Conferencia-coloquio 'Trastornos da conduta alimentaria. Anorexia e bulimia nerviosa. Coñecelos, previlos, tratalos ' en Verín Imprimir
Venres, 22 Xuño 2012 13:20

O salón de actos da Casa de Cultura de Verín acolle o martes 26 de xuño, ás 20 horas, a conferencia-coloquio  'Trastornos da conduta alimentaria. Anorexia e bulimia nerviosa. Coñecelos, previlos, tratalos' de Jesús Pérez Hornero, psicólogo clínico e especialista da Unidade de Desordes da Alimentación do CHUS.

Na mesma, organizada polo Concello de Verín e o Foro La Región, abordaranse trastornos de conduta alimentaria, como anorexia ou bulimia, nos que se traballa na Unidade de Desordes de Alimentación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela -unidade de referencia para toda Galicia-. Ademais analizaranse as posibles causas, o desenvolvemento dun caso concreto, como se pasa dunha preocupación "normal e común" polo aspecto físico a un trastorno mental; así como a súa prevención, sinais de alerta, detección na casa e convivencia cun familiar enfermo.

A conferencia-coloquio 'Trastornos da conduta alimentaria. Anorexia e bulimia nerviosa. Coñecelos, previlos, tratalos' será presentada polo rexedor Juan Manuel Jiménez Morán, e está dirixida a toda a poboación -ademais os/as asistentes contarán cun servizo de ludoteca para os/as seus/súas fillos/as-.