IV Día da Bici Solidaria en Verín Imprimir
Venres, 29 Xuño 2012 13:15

A área de Deporte e Mocidade do Concello de Verín, a Asemblea Comarcal de Cruz Vermella Monterrei e o Club BTT Verín organizan a cuarta edición do Día da Bici Solidaria, o próximo domingo 08 de xullo, baixo o lema ‘Pedalea con Cruz Vermella’.

Esta actividade, enmarcada dentro da campaña do Sorteo del Oro 2012, ten como obxectivo promocionar este deporte como actividade saudable e familiar, e recadar fondos, mediante a venda de boletos para este sorteo, destinados a accións en beneficio da comunicade na comarca.

A ruta, cun percorrido de catorce quilómetros de carácter familiar e escasa dificultade, iniciarase ás 9.30 horas na praza García Barbón de Verín e finalizará no mesmo lugar, onde terá lugar unha festa infantil e a entrega de trofeos a: ciclista novel -participante máis novo-, ciclista veterano -participante de maior idade- e premio familiar -destinado á familia cun maior número de participantes na ruta- e á bicicleta máis orixinal (o evento non ten carácter competitivo, polo tanto os trofeos terán só carácter simbólico).

As inscricións e entrega de dorsais realizaranse o propio día a partir das 9.30 horas, na praza García Barbón. A participación é gratuíta, tan só aquelas persoas que queiran optar aos premios e ao sorteo deberán comprar un boleto do ouro para obter o dorsal.

Para máis información poden contactar con Cruz Vermella a través do teléfono 988-410978, o mail Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou visitando a oficina de Verín.