Exposición 'Debuxos a plumiña de Verín' na Casa do Escudo Imprimir
Mércores, 11 Xullo 2012 13:16

A Casa do Escudo de Verín acolle desde o 14 de xullo ao 9 de agosto a exposición de 'Debuxos a plumiña de Verín', do pintor bilbaíno Valentín de Urrutia Mariscal.

A mostra recolle unha vintena de obras, na súa maioría inéditas, realizadas en plumiña e baseadas en fotografías propias do autor sobre Verín e a súa comarca, efectuadas durante as súas viaxes a esta zona da provincia de Ourense. Na mesma recóllense debuxos da Casa do Escudo, cigarróns, río Támega, cruceiro de Monterrei, igrexa e Casa do Grifo de Atás (Cualedro), Cruceiro da capela de San Lázaro, Castelo de Monterrei, praza da Mercé, ou casa da Aduana de Verín, entre outras.

Valentín de Urrutia Mariscal (1947, Bilbao) cursou estudos de delineación, debuxo e pintura na Escola de Artes e Oficios de Bilbao. O seu traballo sempre estivo relacionado coas artes gráficas, como por exemplo, estudos de publicidade e deseño, serigrafías, impresión téxtil, gravados e rotulación, ou debuxante proxectista en diversas empresas técnicas de Bilbao.

Realizou varias exposicións da súa obra pictórica en aulas de cultura de Bilbao e Getxo (Bizkaia). Entre os anos 2009 e 2010 presentou dúas exposicións, unha de sublimación en seda e outra de debuxo a plumiña, na Sala de Exposicións da Cafetaría Tamarises de Getxo. En 2011 expuxo unha selección de debuxos a plumiña no Centro Cívico de San Bento de Atás (Cualedro), e en xaneiro deste ano presentou outra exposición, tamén a plumiña, en Errota Kultur Etxea de Abadiño (Bizkaia).

A inauguración de 'Debuxos a plumiña de Verín' terá lugar ás 19 horas do 14 de xullo, e a mostra poderase visitar de luns a sábado de 10 a 14 e 17 a 20.30 horas.