Exposición itinerante ‘Galicia, biodiversidade’ en Verín Imprimir
Martes, 21 Agosto 2012 12:51

O Centro de Interpretación de Verín acollerá do 27 ao 31 de agosto a exposición itinerante ‘Galicia, biodiversidade’, promovida pola Xunta de Galicia e a Obra Social ‘La Caixa’.

A mesma permitirá aos/ás visitantes coñecer a diversidade de especies animais e vexetais que se poden atopar en Galicia, os ecosistemas que habitan, e as múltiples formas de ameaza que poden afectar as súas poboacións. Mediante materiais expositivos mostraranse as principais especies galegas de flora e fauna, as súas características, os factores que poñen en perigo a súa supervivencia e as ferramentas que existen hoxe en día para a súa protección; así como a importancia que ten a conservación das variedades xenéticas para a actividade humana, por exemplo, na alimentación, grazas á cría e cultivo de variedades galegas de maior calidade.

Esta exposición, de carácter gratuíto, tamén conta coa presenza dun educador ambiental que impartirá aos diferentes grupos asistentes, tanto a nenos/as como adultos, a importancia e o coidado do entorno, a través de obradoiros e actividades de dinamización. Unhas actividades destinadas a que todos/as os/as veciños/as coñezan os ecosistema e especies do territorio galego, estimular a conciencia sobre a importancia da conservación da biodiversidade próxima e fomentar comportamentos positivos destinados á conservación das especies e dos seus hábitats.

A mostra ‘Galicia, biodiversidade’, situada no Centro de Interpretación (Casa da Xuventude, Avenida de Portugal -11 bis), poderase visitar de 10 a 14 e de 17 a 20 horas.