Entrega de diplomas aos voluntarios da Bibliopiscina Imprimir
Martes, 28 Agosto 2012 10:59

O vindeiro venres 31 de agosto, os doce rapaces/zas voluntarios/as da Bibliopiscina recibirán un diploma acreditativo pola súa labor de voluntariado neste servizo das piscinas descubertas de A Granxa, e que foi organizado por cuarto ano consecutivo pola Biblioteca Pública Municipal de Verín en colaboración coa Eurocidade Chaves-Verín.

O servizo da Bibliopiscina, que estará en funcionamento ata o venres, tivo como obxectivo estender os servizos bibliotecarios aos/ás usuarios/as desta instalación deportiva, potenciar a lectura e atraer á biblioteca a un público que non é usuario habitual, incluíndo a realización de actividades lúdico-culturais, fóra do curso escolar.  A Bibliopiscina ofertou un fondo de máis de 200 volumes en tres idiomas: galego, castelán e portugués -conformado por libros, cómics e revistas, co obxecto de dar servizo a todos/as os/as lectores/as da Eurocidade Chaves-Verín-, así como diferentes xogos de mesa. Nesta edición o servizo estivo aberto ao público un total de 198 horas e formalizou máis de 2.200 préstamos durante esta época estival, o que supón un relevante incremento con respecto ao ano anterior, onde a cifra de préstamos alcanzou os 2.000, sen esquecer os obradoiros de debuxo e xogos nos que participaron máis dun millar de nenos/as.

Por outra banda, para finalizar esta iniciativa cultural e agradecer a colaboración dos/as voluntarios/as, a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín organiza unha cea de convivencia entre titores/as e voluntarios/as nas propias instalacións municipais.