'Torneo de 3 x 3 de Minibasket da Vila de Verín' e partido do COB en Verín Imprimir
Luns, 17 Setembro 2012 12:54

A área de Deportes do Concello de Verín, a agrupación cultural e deportiva Siareiros Cobistas -que chegou a un acordo co ente municipal para a realización de actividades deportivas- e o Club Baloncesto Xuventude organizan para o vindeiro 22 de setembro o primeiro 'Torneo de 3 x 3 de Minibasket da Vila de Verín'.

Esta iniciativa, dirixida a menores con idades comprendidas entre 7 e 12 anos, ten como obxectivo fomentar o deporte e a vida saudable dentro do municipio. Para participar na mesma non é necesario saber xogar ao baloncesto, xa que os organizadores buscan realizar dinámicas que aproximen aos/ás nenos/as de Verín á práctica de calquera deporte ou exercicio, así como achegar o baloncesto aos/ás menores co fin de formar parte dunha xornada  lúdico-deportiva.

O 'Torneo de 3 x 3 de Minibasket da Vila de Verín' comezará ás 9 horas coa lectura das normas oficiais do 3 x 3, e a continuación terán lugar os diferentes partidos de baloncesto. Os/as interesados/as en formar parte desta iniciativa deportiva deben inscribirse, como equipo (máximo catro xogadores por equipo) ou ben individualmente, no Pavillón Municipal de Deportes de Verín (R/ Irmáns Moreno, de luns a venres, de 10 a 13,30 e 17 a 20 horas) ou nos teléfonos 646-137239 e 636-573545.

A celebración deste torneo terá lugar no mesmo día no que se disputará, no complexo deportivo de A Granxa ás 19.30 horas, o partido amistoso entre o Club Ourense Baloncesto e o Breogán de Lugo, dous dos representantes galegos na elite do baloncesto nacional e participantes na LEB Ouro.