'O Señor das Dunas' na Casa da Cultura de Verín Imprimir
Martes, 18 Setembro 2012 12:04

A Casa da Cultura de Verín acolle o vindeiro sábado 22 de setembro, ás 18 horas, a actividade de 'O Señor das Dunas', do programa FalaRedes! organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración do Concello de Verín.

A iniciativa 'O Señor das Dunas' está dirixida a todos os públicos, dende os/as nenos/as e as súas familias ata os máis maiores da casa. Baseado na literatura oral galega, este contacontos compleméntase coa ilustración en directo do relato feita con area. Todos/as os/as asistentes recibirán un libro que recolle cinco historias para que tamén eles/as se convertan en fontes de coñecemento e espallen a cultura e a lingua galega aos/ás máis pequenos/as. Complementariamente, na web do programa estarán ao dispor dos/as usuarios/as os Contos ao redor do microondas en versión dixital, unha iniciativa encamiñada a mellorar as técnicas de expresión oral.

A mesma xunto con 'Galego de Cine' e 'Títerehop' conforman o programa FalaRedes!, destinado a tres tipos de público: infantil, xuvenil e xeral. Mentres os/as máis pequenos/as convértense en espectadores/as de cine e artistas da grande pantalla na caravana de Galego de Cine; o público en xeral coñece de primeira man historias tradicionais galegas e os/as adolescentes compoñen cancións con materiais reciclados. Os obxectivos de FalaRedes, dentro do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, son crear espazos de uso e de aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da comunicación para promover unha imaxe da lingua ligada a valores positivos; e reforzar o uso do galego entre os galegofalantes e proporcionarlles modelos lingüísticos de referencia aos rapaces e rapazas de orixe castelanófona.