A Consellería de Traballo e Benestar concede un obradoiro de emprego para 26 persoas en Verín e Vilardevós Imprimir
Luns, 12 Novembro 2012 12:42

A Consellería de Traballo e Benestar concedeu aos concellos de Verín e Vilardevós un obradoiro de emprego para a formación de 26 persoas desempregadas de ambos municipios, nas áreas de xardinería, carpintería e axuda a domicilio.

Este obradoiro, denominado 'Pozo do Demo' e de seis meses de duración, ten por obxecto a formación das persoas participantes no mesmo, favorecer a súa inserción laboral e facilitar a obtención do certificado de preofesionalidade nas áreas nas que se formen. Os requisitos para formar parte deste obradoiro é ser maior de 25 anos e estar inscritos como desempregados no INEM.

O módulo de axuda a domicilio está destinado a un total de 8 alumnos/as, que recibirán clases teóricas nos distintos ámbitos de axuda a domicilio e poderán realizar prácticas nos domicilios das persoas que demandan este servizo nos Concellos de Vilardevós e Verín, que no momento actual ascenden a 162 persoas nos dous municipios. Todo co obxecto de realizar actividades destinadas á atención das necesidades básicas dos/as usuarios/as, nos temas de aseo e atención persoal, atención doméstica, limpeza e mantemento da vivenda, acompañamento ós servizos sanitarios e outras xestións que poidan xurdir no facer diario das casas e na vida dunha persoa.

Con respecto aos módulos de xardinería e carpintería, destinados a 10 e 8 alumnos/as respectivamente, o obxectivo dos mesmos é a recuperación do antigo camiño que comunicaba o núcleo de Cabreiroá (Verín) co de A Veiga das Meás (Vilardevós). Un espazo, denominado 'Camiño de Carros', polo que anos atrás circulaban persoas e animais desde Verín ata A Veiga das Meás e que na actualidade se atopa desaparecido nalgúns tramos polo crecemento da vexetación. O mesmo, no que perduran as rodeiras que os carros foron labrando nas rocas do lugar como se trataran de petroglifos, está situado nun contorno natural e excepcional como é o Pozo do Demo, un lugar cargado de historia e unhas impresionantes vistas que o converten un espazo paisaxístico atractivo e singular.  

Por este motivo, tendo en conta que no ámbito da actuación existe moita demanda de rutas de senderismo para o lecer e atendendo ás grandes posibilidades da zona, formúlanse unha serie de actuacións para recuperar o tramo do antigo camiño:
- Limpeza, desbroce e retirada de escombro e broza.
- Regularización e estabilización de pavimentos e firmes con sábrego e cal compactados, así como previa explanación e movemento de terras que así fose necesario.
- Implantación de sinalética para o percorrido do camiño mediante colocación de postes de madeira tratada, marcados con cores distintivos que permitan aos/ás senderistas manter a orientación e así chegar con facilidade ao seu destino.
- Colocación de valado de madeira tratada naquelas zonas nas que existan fortes desniveis podendo así aportar seguridade aos/ás senderistas (tamén será colocado naquelas zonas destinadas a miradoiros contemplativos da paisaxe).
- Execución de escaleiras ou pasos de madeira tratada naquelas zonas que, debido as fortes pendentes así o requiran, para poder practicar de maneira segura o camiño.
- Execución e colocación de bancos de madeira tratada nas zonas de lecer que se destinen a miradoiros contemplativos da paisaxe.
- Execución e colocación de mesas interpretativas da fauna, flora e historia do lugar.

Todo co obxecto de recuperar este camiño como unha ruta de senderismo, que ademais de completar outras rutas existentes ao redor servirá de lanzadeira para recobrar e potenciar o interese paisaxístico, histórico e cultural que o ámbito contén grazas a elementos como diversos castros que perduran na zona ou ao Pozo do Demo.