'Os Axóuxeres' traen cine a Verín Imprimir
Venres, 07 Decembro 2012 11:46

A Casa da Cultura de Verín acolle mañá 8 de decembro, ás 18.30 horas, a actividade do Encontro dixital dos Axóuxeres, enfocada a nenos/as de máis de 3 anos de idade.

Este ano, Os Axóuxeres non serán só un espectáculo para bebés e familias, senón que tamén se poderán ver na tele, no cine, en internet e nos móbiles. Convértense nun proxecto transmedia para estaren presentes en todos os espazos onde as novas xeracións se divirten e se relacionan. Ademais, nesta nova edición, esta iniciativa ven da man de novos personaxes, unha divertida familia de monecos que vive diversas aventuras encol dunha mesa no dormitorio dun neno.

A entrada ao Encontro dixital dos Axóuxeres é gratuíta, até completar o aforo. Está organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e Verín, por pertencer o Concello á Rede de Dinamización Lingüística, é unha das 35 cidades e vilas galegas polas que xirará este espectáculo audiovisual.

O obxectivo dos Axóuxeres e ofrecer para o tempo de lecer actividades nas que se poida participar en familia, que sirvan para reforzar a transmisión da lingua galega nese ámbito.