O PXOM de Verín acada a súa aprobación definitiva Imprimir
Venres, 07 Decembro 2012 19:44

O salón de plenos do Concello de Verín acolleu, na mañá de hoxe, a sinatura da orde da aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Verín, converténdose no primeiro municipio desta IX Lexislatura en acadar devandita aprobación.

Durante o acto, no que participaron o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, ratificouse esta aprobación que permitirá que a realidade urbanística de Verín acade seguridade xurídica, un aspecto imprescindible para o desenvolvemento do Concello de Verín. “É unha proposta de futuro asumible e sostible para Verín, que resolverá os principais problemas detectados, e impulsará a realización de significativas actuacións estratéxicas nos seguintes eidos: Estratexia de desenvolvemento axeitado do plan, Mobilidade e redes viarias, Servizos urbanísticos, Políticas e estratexias de solo empresarial e industrial, Recursos turísticos, Protección do patrimonio, Necesidades dotacionais, Mercado de solo e vivenda, Convenios urbanísticos para materializar importantes acordos e cesións, e Avaliación Ambiental Estratéxica (ISA)”, subliñou Jiménez Morán.

O Goberno galego concedeu un total de 245.852 euros para a redacción do PXOM de Verín, o quinto da súa comarca que ten plan aprobado, logo de Laza, Castrelo do Val, Vilardevós e Cualedro. O documento planifica o desenvolvemento urbanístico do Concello para os próximos 12 anos, subliñando a posición estratéxica de Verín como eixo empresarial e loxístico. “O modelo de ordenación proposto para Verín faise preciso resaltar, cunha perspectiva territorial ampla, aspectos fundamentais que inflúen directamente na definición dese modelo e que son: o papel clave que esta cidade do interior de Galicia ten dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal -sendo unha peza fundamental para a definición do que se podería chamar o 'Eixo Atlántico interior', reforzado coa autovía A-24 portuguesa (Viseu/Chaves), o que converterá a Verín nun centro de comunicacións fundamental dentro da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal-, a importancia que debe desenvolver Verín dentro do proxecto de Eurocidade Verín-Chaves; o papel da cidade como capital comarcal -sendo un centro de servizos para unha poboación aproximada de 29.000 persoas, constituíndo o 8,46% da poboación total da provincia de Ourense e sendo o concello coa poboación máis nova da comarca-, e as políticas postas en marcha actualmente pola Xunta (IGVS), en materia produtiva, coa implantación no concello do parque empresarial de Tamagos, así coma a ampliación do actual parque empresarial de Pazos, actuacións que permitirán a creación de emprego e que polo tanto servirán para a fixación de poboación no concello”, asegurou o alcalde de Verín.


1. MODELO DE ORDENACIÓN TERRITORIAL
Estratexias para a definición no novo modelo territorial

a. Mobilidade:
Dende o novo PXOM, as estratexias para a mobilidade parten da definición dun novo sistema viario apropiado na trama existente, dando forma a esa cidade compacta. Concíbense as actuacións no viario a dous niveis:
1. A nivel territorial  definindo como estratéxico e prioritario o enlace A-52 coa  A-75 e coa A-24 portuguesa, clave para levar a bo porto o proxecto Eurocidade e rematar definindo o Eixo Atlántico Interior.
2. A nivel urbán dúas son as apostas dende o PXOM
- A Circunvalación Sur que definirá a forma da futura cidade
- A Ronda Interior  que resolvería os problemas de mobilidade interna da cidade, conectando os dous grandes polos equipamentais públicos (institutos, equipamentos sanitarios) do concello.

- Transporte Público
Nas estratexias para a mobilidade, dende o PXOM, apostouse polo transporte público, para isto tivéronse en conta as propostas do proxecto da Eurocidade na que se proxecta unha rede de transporte urbán común entre os concellos de Verín e Chaves.
Recolocación da Estación de Autobuses.
Próxima á circunvalación Sur e a zona equipacional educativa e deportiva e ó centro urbán.
A nova estación converterá a súa nova localización no principal nó do sistema de transporte colectivo da cidade como “centro intermodal” que conectará coas distintas zonas da cidade.

- Sistema de Aparcadoiros
Como elemento esencial para incidir na regulación do tráfico e así desconxestionar a área central da cidade.
Ademais prevense tamén, nos ámbitos de desenvolvemento, incrementar reservas mínimas de aparcadoiros

- Rede urbán de bicicarrís
No novo PXOM desenvolveranse unha rede integrada de bicicarrís que permitirán articular a cidade no seu contorno inmediato e que conecte os parques.

b. Infraestruturas:
Considérase estratéxica a mellora na integración urbana das infraestruturas eléctricas, como a subestación eléctrica na Avda. Portugal ou a rede de alta tensión que chega ata ela, deben ser debidamente tratados para a súa mellor integración na trama urbana. Outro dos puntos estratéxicos é a mellora das infraestruturas, tanto de abastecemento como de saneamento.

c. Sistemas de espazos verdes:

Dende o PXOM estudouse a definición dun auténtico sistema de espazos libres que sexa capaz de integrar e potenciar eses sistemas naturais: corredores ecolóxicos, montes urbanos, montes forestais e corredores verdes.

d. Actividades dinamizadoras:
Consolidación da capitalidade comarcal; localización de novas actividades terciarias, produtivas ou mesmo educativas; constitución de novas centralidades; descubrimento de oportunidades para o posible crecemento urbano.
1. Actuacións de carácter produtivo:
- No que atinxe ao parque empresarial de Tamagos, o PXOM recolle o desenvolvemento do proxecto sectorial de carácter supramunicipal, cunha superficie de 1.276.000 m2, que actuará como o gran parque empresarial cabeceira da área de influencia de Verín. Tamén recolle a ampliación do Parque Empresarial de Pazos en 136.000 m2, no parque empresarial existente.
- Creación do centro de investigación turístico-termal (Hotel spa/escola)
2. Actuacións de carácter turístico:
- Creación dun museo arqueolóxco
- Revalorización do Balneario de Caldeliñas
3. Actuacións de carácter educativo:
- Establecemento de estudos superiores da UNED, ampliación da oferta formativa na escola de idiomas, ampliación da oferta formativa de formación profesional e apoio do concello para a iniciativa do ILE.

2. PROXECTO MEDIOAMBIENTAL

O PXOM debe establecer a utilización dos corredores ecolóxicos considerando conceptos como a ecoloxía da paisaxe, a ordenación das paisaxes rurais, a integración cidade-paisaxe, a procura do equilibrio urbano de áreas verdes e posta en valor das canles visuais naturais e os referentes xeográficos.

Corredores ecolóxicos:
- Gran corredor do Támega
- Corredor do Búbal
- Corredor do Ábedes
- Corredor do Feces

Corredores verdes:
- Corredor verde de San Lázaro. Conexión do barrío de Pazos e o barrio de San Lázaro co Támega e casco histórico de Verín.
- Corredor verde Interior. Conexión zona dos institutos (Sur)  coa zona sanitaria (Norte)
- Corredor verde do casco histórico. Conexión do casco histórico co novo parque de Vilela e zona dotacional sanitaria (Norte)
- Corredor verde do Marbán. Concexión da Fonte do Sapo e monte de Montouto co corredor ecolóxico do Támega.
- Corredor verde dos Balnearios. Conexión da Fonte do Sapo, balneario de Sousas, balneario de Fontenova e balneario de Cabreiroá.

Montes Urbanos
Os montes próximos á cidade terán que cumprir a función de grandes parques naturais da súa área funcional e servir coma reserva natural de futuro. Estes montes, teñen vocación de espazo recreativo, chamado a cumprir un importante papel, ecolóxico, social e paisaxístico.
Monte de Monterrei
Monte Montouto

3. ORDENACIÓN DO TURISMO. O TERMALISMO
O novo plan xeral prevé a recuperación e posta en valor dos balnearios do concello de Verín. Dos catro existentes (Cabreiroá, Caldeliñas, Sousas e Fontenova), recuperaranse dous, o de Cabreiroá e Caldeliñas. Estas actuacións propóñense dentro do marco da Eurocidade Verín-Chaves (Portugal), un proxecto transfonteirizo que ten entre os seus obxectivos a posta en valor da auga como recurso turístico das dúas cidades-balneario.

Neste senso, o PXOM propón tanto a recuperación do patrimonio arquitectónico, en edificios e instalacións dos balnearios; a creación de novas dotacións e equipamentos, entre os que destaca un Centro de Investigación Turística Termal; e conectar os catro balnearios a través dun corredor, actuación emblemática para a súa posta en valor como produto turístico.

No que respecta á capacidade residencial, o documento prevé un total de 15.846 vivendas, das que 9.367 xa existen e 6.479 serían de nova construción.

Verín conta cunha superficie total de 94,5 Km2 e unha poboación de 14.633 habitantes, polo que a súa densidade de poboación é de 155 habitantes por Km2. Por tipo de solo, o 88% da superficie, isto é, 82,4 Km2 é solo rústico; un 5%, 4,7 Km2, corresponde con solo urbano; o 4% da superficie, solo de núcleo rural e, o 3% restante (3,3 Km2) é superficie de solo urbanizable.

A aprobación definitiva do PXOM de Verín chega logo de oito anos de tramitación, e vén substituír ás Normas subsidiarias de Planeamento de 1986.