Presentación da curta “Mr. Smith & Mrs. Wesson” en Verín Imprimir
Mércores, 26 Decembro 2012 12:59

A Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerá o vindeiro xoves 3 de xaneiro, a partir das 19.30 horas, a presentación da curta “Mr. Smith & Mrs. Wesson”, a cargo do seu produtor executivo o verinense Gutier Rolán.

Durante a mesma, ademais de visualizarse este proxecto, realizarase un pequeno relatorio onde se explicarán os pormenores da súa realización, no que os/as asistentes poderán realizar todas as preguntas que consideren oportunas sobre “Mr. Smith & Mrs. Wesson”. Unha produción arriscada e practicamente sen precedentes no sector audiovisual español, segundo indica Gutier Rolán, que demostra a capacidade dos nosos profesionais para crear un proxecto de pura acción e atractivo para a audiencia.

Cunha duración de 24 minutos, o/a espectador non poderá pestanexar xa que destila acción por todas as partes. Case douscentos planos de efectos visuais, disparos, persecución de coches e pelexas corpo a corpo, "Mr. Smith & Mrs. Wesson" homenaxea ao mundo do cómic, videoxogos e películas de acción.

A rodaxe, de tan só seis días, foi un reto para os máis de 60 profesionais que colaboraron desinteresadamente. Sen diálogos e cun estilo narrativo baseado nos flashbacks, este proxecto tamén supuxo un desafío interpretativo e físico para a experimentada repartición. Nesta curta, dirixida por Jorge Saavedra, participan actores e actrices coma Octavi Pujades, Camila Bossa, Luis Iglesia B, Xabier Deive, María Mera, Daniel Currás, Iván Marcos e Axel Fernández.