Visita do Carteiro Real e Cotillón Infantil en Verín Imprimir
Venres, 28 Decembro 2012 12:02

Mañá sábado 29 de decembro, a praza do Concello de Verín acollerá a visita do Carteiro Real aos/ás nenos/as do municipio. Desde ás 16.30 horas realizaranse obradoiros de globoflexia, maquillaxe infantil ou malabar, así coma inchables para todos/as menores asistentes a esta actividade de Nadal, e a partir das 18.30 horas está prevista a chegada do Carteiro Real para recoller as peticións de todos os nenos e nenas de Verín.

Unha iniciativa que está organizada polo Concello de Verín, Eurocidade Chaves-Verín e AEVER (Asociación de Empresarios de Verín), ao igual que a terceira edición do Cotillón Infantil. Esta actividade terá lugar o luns 31 de decembro, de 11 a 13.30 horas, no patio do centro infantil do CEIP Amaro Refojo de Verín. A mesma permitirá que os/as nenos/as participantes despidan o ano 2012 cunha alternativa de lecer diferente, que inclúe música de Nadal, maquillaxe de festa e doces. Ás 12 horas, os/as menores comerán doce gominolas para celebrar a súa particular entrada no ano 2013.

Por outra banda, o domingo 30 de decembro, o coral do Centro Sociocomunitario de Verín actuará na Residencia de Anciáns Santa María. Será na actividade Contos de aguinaldo dos Nosos Maiores e terá lugar ás 10 horas.

Tamén no marco da programación de Nadal, o vindeiro día 5 de xaneiro finaliza a quinta edición de 'Ludonadal', unha ludoteca destinada a estas datas e dirixida a nenos/as con idades comprendidas entre os 3 e 8 anos, e organizada polo Concello de Verín e Aever. A mesma ten lugar no centro infantil do CEIP Amaro Refojo de luns a venres, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e os sábados de 10 a 14 horas. E ara poder acceder a esta actividade será necesario entregar un vale, selado pola empresa correspondente, xunto co ticket da compra, á hora de recoller ao menor, e que xustifique a realización de compras nalgún dos establecementos integrados en AEVER -existindo un límite mínimo de 20 euros (nun só ticket o en varios que sumen este total) e unha penalización de 10 euros no caso de non achegar o ticket e vale-.

Ademais, e ata o 5 de xaneiro a Casa do Escudo de Verín acolle a exposición 'Beléns do Mundo e Filatelia Natalicia', que amosa misterios e representacións do Nadal de diversas culturas do mundo, así como coleccións de selos con temática natalicia na Casa do Escudo. Está organizado polo Colexio María Inmaculada, o Concello de Verín e a Asociación Filatélica, Vitolfílica e Numismática “Miño” de Ourense; coa colaboración da Delegación de Misións de Ourense, do Museo Municipal de Ourense, do Museo Arqueolóxico de Ourense e do Liceo Recreo Ourensán. A mostra pódese visitar de luns a sábado, de 10 a 14 e de 16.30 a 20.30 horas.