O MUMI selecciona 12 artistas de Galiza e Portugal para a súa programación de showcases Imprimir
Venres, 21 Febreiro 2020 09:48

A falta de 20 días para que comece o primeiro encontro profesional de música entre Galicia e Portugal, a organización do MUMI avanza a primeira selección de showcases que van ter lugar en distintos espazos da localidade de Verín os vindeiros 12, 13 e 14 de marzo. Serán un total de 12 concertos máis unha animación de rúa, na que se inclúen progrmación aberta ao público xeral. A selección de propostas musicais é unha mostra da diversidade de estilos e formatos musicais dos dous territorios, nunha programación que mestura novos valores e figuras consagradas en espectáculos multidisciplinares para público familiar e adulto.


Na semana previa ao encontro está previsto anunciar a programación completa na que se integrarán tamén un concerto de apertura, actividades profesionais e outros dous showcases dentro da sección OFF con música electrónica en locais de Verín.

 

A programación profesional incluirá charlas e palestras con festivais, salas, programadores públicos, e empresas que patrocinan música; speedmeetings (encontros rápidos) entre profesionais do sector, e os propios showcases cunha selección de artistas e bandas de Galicia e Portugal, nunha feira sectorial con presenza das empresas das diferentes áreas do sector. O Camiño e o feito do Xacobeo 2021 serán tratados especificamente neste apartado como grandes xeradores de oportunidades para o sector aproveitando o seu patrimonio cultural e os espazos naturais que ofrece.

 

Desde a organización do MUMI en Galicia, móstranse satisfeitos e ilusionados co éxito de convocatoria desta primeira edición da feira, que recibiu un total de 185 inscricións de proxectos musicais de gran calidade que supuxeron un grande reto para o comité de selección da feira. Ademais recibíronse ata o momento 150 solicitudes de participación de profesionais que aínda teñen posibilidade de inscribirse a través da web http://mumimusicas.eu/, ata a propia data do encontro e totalmente de balde.


Barry White Gone Wrong (PT)

A súa é unha mistura perfecta entre son glamuroso, sexy e cheo de actitude, na que non falta a profunda e icónica voz de Peter de Cuype. Está considerada unha das bandas de rock and roll, blues e soul de referencia en Portugal, con grande acollida entre a prensa especializada e o público.

Link vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=ZgoAEVNK-P0

 

Bed Legs (PT)

O seu rock intenso pincelado de rhythm and blues é pura enerxía. Para os camaradas de Bed Legs non hai termo medio. Sempre están no límite da navalla, da raspadura, e non rexeitan lanzarse a un precipicio melancólico, se fose necesario.

Link vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=jfYleBIFob0&feature=youtu.be

 

Cassete Pirata (PT)

Esta banda de pop, formada por João Firmino, Margarida Campelo, Joana Espadinha, António Quintino e João Pinheiro, achega unha música que desprende distintas emocións e sensacións. Desde a instrospección e a nostalxia ata a procura de respostas ás dúbidas da humanidade.

Link vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=OV5yioz9cHI

 

Luca Argel (PT)

En formato simple e intimista, Luca Argel envolve ao espectador nunha trama de historias cantadas, que van da tenrura ao amor. Vocalista e compositor de diversos grupos musicais, a súa samba seduce mediante a dozura e a sinxeleza, acabando por absorber e transformar o cotiá.

Link vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=8FWU63-Yjow

 

Magín Blanco e A Banda das Apertas (GZ)

Magín Blanco é unha das grandes referencias da música galega para todos os públicos, grazas a himnos interxeracionais que mesturan melodías pop, rock, reggae ou bossa nova con relatos que falan de aspirar a un mundo mellor, e imaxes que nos aproximan a novas linguaxes.

Link vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=9PU9Hyfe-Zc

 

O Sonoro Maxín (GZ)

Premio Martín Códax da Música 2017, esta banda do reencontro de vellos amigos da música galega. Despois de máis de 150 concertos por todo o país, chegan co espectáculo De navallas e cumbias, un camiño de ida e volta para compartir os momentos e os lugares nos que naceron, creceron e amaron.

Link vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=5jrxjtNKYZk

 

Os d'Abaixo (GZ)

Integrada por grandes da música galega, procedentes de Berrogüetto e Fía na Roca, gústalles investigar na tradición e ofrecer traballos moi coidados. Tras percorrer algúns dos festivais folk máis populares de Europa, presentan novo repertorio, adianto do que será o seu próximo disco.

Link vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=ETRQlecnsFo

 

Silvia Penide (GZ)

Cantautora, guitarrista e intérprete, cando se sube ao escenario Silvia ten unha complicidade directa e instántea co público. Gañadora do Premio Martín Códax da Música 2016, compartiu espazo e momentos con artistas como Amancio Prada, Uxía, Guadi Galego, Mäbu ou Mercedes Peón.

Link vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=ATyjqnS76GE&feature=youtu.be

 

Xacobe Martínez Antelo Trío (GZ)

Excelente contrabaixista e músico inquedo, nesta formación con Xosé Miguélez e Max Gómez, presenta un traballo profundo e maduro, totalmente ancorado no presente con ritmos bebop, hardbop ou funk. Foi finalista nos V e VI Premios Martín Códax na categoría de mellor proxecto de Jazz e Músicas Improvisadas.

Link vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=5V-L4CdApGQ&t=80s

 

Ezetaerre (GZ)

Garchu, Pirola e Petrowski crearon con Ezetaerre un rap combativo en galego que, en pouco tempo xa se converteu nunha das bandas revelación en Galiza. A súa música é unha ferramenta para mudar a realidade, sempre baixo unha mesma consigna: dignidade, solidariedade e humildade.

Link vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=WZoN7ywFFm0

 

Familia Caamagno (GZ)

Bailongos e enerxéticos. Os cinco infraseres -como eles mesmos se consideran- de Familia Caamagno xuntan no seu novo disco melodías pop, ritmos frenéticos e retrousos coreables co único afán de facer bailar. Iso si, mantendo ese rock and roll de inspiración sesentuda, pero cun afán renovador.

Link vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=FN9IHwIMSvY

 

Oîma (GZ)

Antía, Olalla e Martiño crean música tradicional de composición propia, que liga os

ritmos galegos cos doutras latitudes, desde o chapeloise ata a rachenitsa. Definen o seu primero traballo discográfico Ala! como unha viaxe no tempo e no espazo na que os mapas e o calendario fan parte da música.

Link vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=qqOelzlvG0E&t=1s

 

ANIMACIÓN DE RÚA

 

A Organeta (GZ)

O serrucho máxico de Pulpiño Viascón e un adorable paxaro títere estarán presentes nun show inesquecible que encherá as rúas de Verín coa música da Organeta, un instrumento musical mecánico de orixe inglés e adopción galega que ata le libros de música dándolle a unha manivela!!

Link vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=nxIxnZDZnRc