Verín doara “íntegra” a partida orzamentaria destinada a festividade dos Maios á investigación da vacina contra o COVID-19 |
Mércores, 15 Abril 2020 13:10 |
A concellería de Festexos do Concello de Verín celebrará a festa dos Maios, mantendo a elaboración das tradicionais coplas pero adaptadas e optimizadas para a súa lectura e difusión a través de internet e dispositivos móbiles. Ao non ser posible a venda das coplas e a recadación de fondos solidarios para as asociacións participantes, así como a elaboración dos Maios Florais, debido ás restricións derivadas do actual estado de alarma, o ente municipal decdidiu doar, integramente, a cantidade orzamentada para devanditos festexos á investigación da vacina contra o COVID-19. Enrique Gómez Pato, que retomou na década dos cincuenta do século pasado a tradición dos Maios en Verín, promoveu, durante anos, funcións teatrais en beneficio do Asilo de Verín. Se hoxe estivera entre nós, aplaudiría que o certame que anualmente convoca o Concello de Verín para manter esta manifestación da nosa cultura popular teña como obxectivo este ano recadar fondos solidarios destinados a colabora coa investigación da vacina para o COVID-19. Para esta finalidade, á que o Concello de Verín doará, integramente, a cantidade orzamentada para a Festa dos Maios do 2020, pedindo na edición a colaboración das persoas lectoras para o mesmo fin, propónselle a centros de ensino, institucións, asociacións culturais e sociais da comarca de Verín que participaron na Festa dos Maios anos atrás que colaboren coa redacción dunha copla, que se divulgará o día 1 de maio a través das plataformas online oficiais do Concello de Verín. «Esta crise sanitaria está a facer que moitas persoas, empresas, autónomos e familias non estean a pasar por un bo momento debido á complicada situación socioeconómica provocada pola pandemia. Desde o Concello quixemos aproveitar esta transformación obrigada da festividade dos Maios para crear esta iniciativa solidaria, coa que doaremos íntegra a partida orzamentaria destinada a esta celebración á investigación científica, para tentar chegar canto antes a unha cura definitiva da enfermidade provocada polo coronavirus SARS-CoV-2» explicou a concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza. Os criterios da colaboración que procuramos son os seguintes:
1ª.- Na edición do MAIO SOLIDARIO COA VACINA PARA O CORONAVIRUS-19 (In memoriam ENRIQUE GÓMEZ PATO) poden colaborar centros de ensino, institucións, asociacións culturais e sociais da comarca de Verín que participaron na Festa dos Maios anos atrás (2019 ou anteriores).
2ª.- A copla, que elaborará cada un dos colectivos colaboradores, seguirá estas directrices:
A.- Para que poida ser perfectamente lexíbel o texto en teléfonos móbiles, tabletas ou ordenadores nun formato de letra que motive a lectura das persoas e para mantermos un deseño harmónico das páxinas, non terá maís de 24 estrofas de catro versos. Se non chega a ese número de estrofas, o mínimo aceptábel é de 16, podendo tamén ter un total de 20 estrofas.
B.- Para a estrutura da redacción da copla aconséllase que as estrofas teñan unha continuidade temática, agrupando as que desenvolvan un mesmo tema.
C.- O texto enviarase en formato electrónico aberto ao Concello de Verín ( Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ) antes das 10 h do día 30 de abril.
D.- Cada colectivo redactor responsabilizarase da autoría do texto. O Concello, que non realizará ningunha revisión formal do texto se non é pedida expresamente, aconsella que se coide tanto a estrutura literaria como a corrección idiomática.
E.- Das coplas farase unha edición única e conxunta de todos os colectivos participantes, que se divulgará o día 1 de maio en formato electrónico. Na portada incluirase un numero de conta, animando ás persoas que lean a copla a que, a exemplo do Concello de Verín, fagan doazóns de fondos solidarios coa investigación da vacina para o Coronavirus-19.
3ª.- A interpretación destes criterios de colaboración, a admisión de colectivos e as decisións sobre calquera extremo non regulamentado son un dereito exclusivo do Concello de Verín.
|