O FIC Vía XIV de Verín atraeu novo público e colgou o cartel de completo en seis sesións diferentes Imprimir
Mércores, 16 Setembro 2020 17:55

 O cambio de datas do Festival Internacional de Curtas de Verín -que adoitaba celebrarse en decembro- foi, segundo o director do certame -Carlos Montero- “moi exitoso e favorable para atraer novo público ás diferentes proxeccións e actividades paralelas propostas, que tiveron un  marcado carácter local”. Ata en “seis ocasións durante a semana”, tal e como sinala Montero, “se colgou o cartel de completo”.

Particularmente populosas foron as estreas, en primicia en Verín, dos documentais “Entroidar” e “Hijas de Galicia, Macorinas”.

 

Máis de 1.100 participantes

En total, máis de 860 persoas (un 40% máis que en 2019) participaron nas actividades paralelas propostas e a cifra global de asistentes, contando as persoas que visionaron as curtas (tamén na pantalla instalada en García Barbón e a través de streaming), supera as 1.100.

 

Aínda así, por mor da pandemia, non se puido nesta ocasión desenvolver a actividade Cinema Marabillas, orientada aos cativos e cativas. A organización do certame, segundo expresa Montero, “confía en poder retomar a actividade o vindeiro mes de decembro, no propio Auditorio de Verín, sempre e cando as circunstancias sociosanitarias o permitan”.

 

Sexta edición

“Os datos avalan o éxito e a consolidación do FIC na axenda cultural de Verín”, abondou Carlos Montero, quen sinala tamén que dende xa comezarase a pensar “en como articular a sexta edición do certame”, que se celebrará en 2021.