O Concello de Verín cofinancia para escolares unha acción de concienciación sobre a hixiene fronte a COVID-19 Imprimir
Luns, 09 Novembro 2020 12:47

 O Concello de Verín copatrocinará unha acción de concienciación sobre a hixiene fronte á COVID-19 para o alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional dos centros públicos, concertados ou privados do municipio que se queiran acoller.

Con metodoloxías pedagóxicas innovadoras, esta acción tratará de reforzar a conciencia da importancia da hixiene persoal na prevención fronte á transmisión de enfermidades infecto-contaxiosas, como a COVID-19. A través da participación en diversos experimentos, o alumnado formaranse no coñecemento do mundo microscópico e no funcionamento do sistema inmunolóxico, e verán en acción ao xabón e a outros desinfectantes de acción viricida. Tamén, servirá para que coñezan as dúas hipóteses máis salientábeis sobre a orixe da COVID-19 ou como se fai un test de anticorpos, a través dun experimento de cromatografía caseira con alcol e rotuladores.

O obxectivo desta acción é dobre. Por unha parte, trátase de que o alumnado obteña conciencia plena da importancia da hixiene persoal (boca, nariz e mans) na transmisión das doenzas infecto-contaxiosas. Por outra, que comprendan e integren no seu día a día as medidas de protección establecidas polas autoridades sanitarias e civís.

A acción desenvolveraa, en cada unha das aulas dos centros que participen, Fátima Fernández, experta en educación en saúde, licenciada en Farmacia, Enxeñeira Técnica Agrícola, Máster en Saúde Internacional de Cooperación e Máster en Profesorado de ESO e Bacharelato.

Para a concelleira de Educación e Cultura, Emilia Somoza, “Paréceme que é unha magnífica oportunidade para que unha parte importante da nosa xente moza adquira ou reforce formación en saúde. Espero que a proposta sexa ben acollida e que sirva para que o alumnado de ensino medio da nosa comarca pase a liderar no seu ámbito familiar ou de amizades a prevención á COVID-19 e a outras doenzas contaxiosas.”