Os puntos limpos de Verín xa contan con paneis informativos sobre reciclaxe Imprimir
Xoves, 19 Novembro 2020 13:02

 Desde esta mañá, os  dezaseis puntos limpos de Verín xa contan cunha serie de paneis informativos destinados á concienciación e formación sobre a  reciclaxe. Esta acción está enmarcada dentro do programa de «Voluntariado Ambiental» organizado polo Centro de Desenvolvemento Rural Portas  Abertas, en colaboración  co  Concello de Verín, co obxectivo de informar  aos  cidadáns sobre que elementos se poden reciclar, e cal colector sería o indicado.

Desde o CDR Portas Abertas quixeron destacar que esta iniciativa busca conseguir que Verín sexa, coa colaboración de todos os cidadáns, un referente na xestión de residuos, contribuíndo así o coidado e preservación do medio ambiente.

«O importante é que a xente se involucre no coidado do medio ambiente cun simple pero fundamental acto de separación de residuos. Os dezaseis puntos limpos implementados ata hoxe polo grupo de goberno cambiaron radicalmente a imaxe de Verín. Aínda así é preciso que a cidadanía se conciencie e separe como é debido o lixo para conseguir diminuír o máximo posible o impacto ecolóxico derivado da propia xeración de residuos urbana», explicou a concelleira de Desenvolvemento Rural e Medio Ambiente, Purificación Caldelas.

Os paneis indican os residuos que se poden deixar en cada colector e cales non:

  • No iglú verde, botellas de vidro, tarros de alimentos e frascos de vidro, sempre sen tapón deben deixarse, mentres que obxectos de cristal non son adecuados para este punto de recollida.
  • No colector azul, destinado a papel e cartón, non deixaremos aqueles residuos que estén manchados de aceite ou restos orgánicos, mentres que as caixas, papel de xornal, papel de uso diario ou de envolver atopan no colector azul o seu lugar.
  • O colector amarelo adoita ser un dos que máis dúbidas pode xerar, polo que neste cartel queda claro que os envases metálicos, envases tipo brik, e os envases de plástico poden ser reciclados logo de ser depositados no colector amarelo. Pola contra outros obxectos que van no colector amarelo, poden ter outra vida se se deixan nos puntos adecuados, como puntos sigre, puntos limpos ou mesmo pode ser o propio fabricante que retire os residuos como no caso das cápsulas de café.

Se tes dúbidas sobre onde se recicla algún obxecto ou residuo, podes contactar co CDR Portas Abertas ou preguntar na área de medioambiente no teu concello.

E recorda que para facer un planeta máis sostible sempre podes aplicar a norma das tres RRR:

REDUCE, REUTILIZA RECICLA