O pleno de Verín aproba provisionalmente o orzamento xeral para o exercicio 2021 Imprimir
Mércores, 30 Decembro 2020 13:02

 O Salón de Plenos do Concello de Verín acolleu esta mañá unha sesión ordinaria na que se abordaron os seguintes puntos: 

1. APROBACIÓN DA ACTA DA SESIÓN EXTRAORDINARIA DE DATA 16/12/2020

2. Expediente 3751/2020. APROBACIÓN PROVISIONAL DO ORZAMENTO XERAL MUNICIPAL PARA O EXERCICIO 2021

3. INFORMACIÓNS E OUTROS ASUNTOS DA PRESIDENCIA.

4. DAR CONTA DOS DECRETOS DITADOS POLA ALCALDÍA E POLAS DISTINTAS CONCELLARÍAS DELEGADAS, EN MATERIA DE ADMINISTRACIÓN LOCAL, DENDE O 06/11/2020 ATÉ O 22/12/2020, AMBAS AS DÚAS DATAS INCLUÍDAS.

5. ROGOS E PREGUNTAS.


Tras aprobar por unanimidade a acta da anterior sesión extraordinaria o presidente, Gerardo Seoane, someteu votación a aprobación provisional do Orzamento Xeral municipal para o exercicio  de  2021, que ascende á cantidade total, en canto aos seus ingresos e aos seus gastos, de  11.816.084,48 euros, presentando, polo tanto, unha situación de equilibrio orzamentario. Este punto foi ratificado pos votos a favor  (8 PSdeG-PSOE e 5 BNG) a favor e 4 votos en contra do Partido Popular.

 

Resumo por capítulos:

 

En canto o Estado de ingresos do orzamento Xeral para este Concello no exercicio 2021 diminúe nun 15,38% con respecto ao anterior con unha cifra total de 11.816.084, 48 euros. Fundaméntase esta diminución significativa de algún dos impostos directos e sobre todo no feito de que este Concello non vaia durante este ano a financiación a través de Pasivos Financeiros co fin de conter a débeda.

No que se refire o Estado de Gastos para este exercicio deseñouse para posibilitar un rigor orzamentario que faga posible o cumprimento dos obxectivos marcados. Sumando a isto, a necesidade de satisfacer as necesidades que se consideran prioritarias para o Municipio, entre as que se atopan as axudas sociais, apoio a colectivos que desenvolven unha importante labor social, creación dun texido cultural de base e as inversións que repercutan directamente no benestar da cidadanía, sempre baixo o principio de fuxir dos proxectos megalómanos e de atender as necesidades reais do conxunto da veciñanza.

E importante salientar que, no artigo vinculado ás transferencias correntes a empresas privadas existe un aumento do 68,54% con respecto ao ano 2020 fundamentada na introdución de partida específica para atender a Axudas Covid-19 para paliar en determinados sectores as consecuencias producidas pola pandemia que indubidablemente están diminuíndo a capacidade económica de diversos sectores.

No artigo referente ás transferencias a familias e institucións sen ánimo de lucro non existen grandes variacións. Cómpre destacar que este Goberno Municipal continúa na senda do apoio a determinados colectivos que realizan unha importante labor social e tamén aqueles que fomentan o comercio local, a cultura, o deporte ou o desenvolvemento empresario. Destacamos dentro deste ámbito un conxunto de subvencións nominativas que se detallan nas Bases de Execución para, como indicamos no parágrafo anterior, apoiar a varios colectivos. Destacamos as axudas específicas para o fomento do deporte dotadas con 82.500,00 euros e que atenden a 14 colectivos deportivos.

Mención específica merecen os 130.000,00 euros adicados a axudas para a realización de actividades vinculadas á cultura, desenvolvemento empresarias e voluntariado canalizadas a través dos seguintes colectivos: Voluntarios de Protección Civil, Asociación Proanimais Verín, Asilo, Coral, AEVER, Fundación Amigos de Galicia, ANPA do Conservatorio, Portas Abertas, Asociacións de mulleres rurais, FIC Verín e Extruga Street.

No que a gastos de inversión de carácter inmaterial se refire compre destacar a introdución dos servizos de asistencia técnica para os traballos de redacción do PEPRICH, os estudos e proxectos técnicos e o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Estes novos proxectos fan que este artigo aumente nun considerable 22,88%.

Nos restantes artigos que conforman o capítulo de Inversión Reais, inclúense proxectos de gastos de inversión vinculados á reordenación e humanización da nosa vila. Neste sentidos destacamos:

 

- Adquisición por expropiación de terreos en Fontenova (180.000,00 €), Queizás para construción rotonda que conecte coa ponte (45.000,00 €) Rúa San Pedro (5.000,00 €) e entorno Colexio Princesa de España (45.000,00 €) necesarios para a execución de proxectos futuros.

- Partidas necesarias para abarcar o sistema de saneamento da vila, con inversión específica nunha depuradora no Matadoiro Comarcal (100.000,00 €) e colector principal Tintores-Verín (160.000,00 €). Actuacións necesarias para o correcto saneamento e funcionamento da nosa depuradora.

- Proxectos financiados con fondos IDAE xa explicados no capítulo de ingreso vinculados á Ponte da Preguiza (895.400,00 €), alumeado dos núcleos (589.671,14 €) e edificios (162.157,35 €)

- Adecuación Parque de Vilamaior con cargo fondos Leader (10.201,00 €)

- Remodelación do entorno da Igrexa Parroquial con convenio Obispado (100.000 €).

En definitiva, o Goberno Municipal considera que o Presuposto Xeral deste Concello para o ano 2021, cuxa aprobación se somete a decisión plenaria, é o mellor documento posible para o escenario actual, que resulta imprescindible unha atención aos problemas fundamentais da nosa veciñanza.

Finalmente o pleno deu conta dos decretos ditados pola alcaldía e polas distintas concellarías delegadas, en materia de administración local, dende o 06/11/2020 até o 22/12/2020.