O Concello de Verín suspende a programación do Entroido 2021 Imprimir
Xoves, 14 Xaneiro 2021 14:09

 O Concello de Verín vén de acordar non programar ningún tipo de actividade para o Entroido 2021, debido á actual situación sanitaria provocada pola Covid-19. Esta decisión adóptase por causa de forza maior, como acto de responsabilidade, e pensando exclusivamente na saúde e  na seguridade de todas as persoas.

«Desde o  Concello de Verín temos a responsabilidade social de poñer todo o que estea da nosa parte para evitar potenciar calquera tipo de evento ou celebración, máis aínda se falamos de eventos multitudinarios como o Entroido, que poidan provocar aglomeracións de  xente que poñan en perigo a saúde pública», explicou Emilia Somoza, concelleira da área de Educación, Cultura e Festexos.

Somoza tamén quixo lembrar que a esencia do Entroido de Verín é a celebración na rúa, dunha maneira libre e sen restricións. «Cremos que coa actual situación sanitaria ninguén entendería que Verín celebrase un entroido no que a xente non puidese gozar libremente da festa nas súas rúas e da particular “anarquía” que caracteriza a estes tradicionais festexos».

A concelleira de Festexos tamén  quixo  facer un chamamento aos veciños e veciñas para que actúen con responsabilidade individual, respectando en todo momento as medidas de prevención vixentes decretadas pola Xunta de Galicia.