O Concello aproba o vindeiro 18 de febreiro o novo Instrumento de Ordenación Provisional Urbanística Imprimir
Venres, 12 Febreiro 2021 18:43

O Concello de Verín vén de dar luz verde na comisión de urbanismo ao novo Instrumento de Ordenación Provisional  Urbanística ( IOP), cuxa finalidade é dotar de  seguridade xurídica urbanística a toda aquelas persoas que queiran desenvolver proxectos en Verín, fortalecendo o desenvolvemento económico e social da vila  nos próximos anos.


O actual goberno municipal do Concello de Verín decidiu tramitar medidas provisionais de ordenación urbanística unha vez que o Tribunal Supremo declarou a nulidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Verín do ano 2012 por sentenza firme no ano 2017. Entre as diferentes consecuencias xurídicas derivadas da declaración de nulidade do PXOM de Verín do 2012, destaca sobre todo que retoma como normativa urbanística municipal as Normas Subsidiarias de Planeamento do ano 1986.

«Todo o mundo estará de acordo en que as normas subsidiarias do planeamento urbanístico do ano 1986 non responden nin o actual modelo de vila nin ás necesidades urbanísticas existentes hoxe. Aplicar hoxe, no ano 2021, esta normativa resulta incompatible con lograr os obxectivos de benestar económico que deben impulsar as actuacións públicas deste concello», explicaron dende o executivo municipal.

Así mesmo, Lourenzo quixo confirmar tamén que o IOP impulsado polo goberno municipal cumpre rigorosamente o disposto na Lei 2/2017 do 8 de febreiro, de Medidas Fiscais, Administrativas e de Ordenación (LMFAO)  e que se limita a recuperar o solo urbano consolidado da vila de Verín e o solo de núcleo rural dos distintos pobos, tal e como aparecían no PXOM 2012.

O novo Instrumento de Ordenación Provisional Urbanística será aprobado o vindeiro o vindeiro xoves 18 de febreiro en pleno ordinario.