O Museo de Verín recibe consolidada a mázcara da Xironda tras a súa restauración Imprimir
Domingo, 14 Febreiro 2021 13:07

O Museo de Verín vén de recibir a mázcara da Xironda, “nai” de moitos dos deseños das figuras do Entroido do Val de Monterrei, logo dun proceso de restauración, centrado basicamente na súa consolidación e conservación. Estímase que esta ancestral mázcara supera o século de historia, e xa está custodiada de novo no Museo da Mercede, onde está cedida temporalmente pola familia de Domingos Coello.

A mázcara, que presentaba danos polo uso e o paso do tempo, principalmente óxido e sequidade dos elementos orgánicos -pel-, foi obxecto dunha restauración moi conservadora co obxecto de garantir a súa preservación. A intervención consistiu na retirada da sucidade superficial, a rehidratación  dos soportes de madeira e pel, e a neutralización do óxido da folla de lata na que está executada a mitra.

A peza, que mide 52 centímetros de alto e 38 e ancho, consta dun reverso de pel curtida sen pelaxe, remendada con catro parches de liño. Malia que o seu estado xeral de conservación era moi bo, estaba moi seca e presenta gretas e engurras profundas, ademais de diferentes cosidos, así como oxidación na folla de lata.

Dende o Concello de Verín, especialmente neste anómalo ano de Entroido “en pause” pola pandemia, lembran a importancia da adecuada conservación dos elementos patrimoniais máis importantes da nosa tradición, tanto material como inmaterial, para os seu traslado ás vindeiras xeracións, e anima a todos os que estean en posesión de elementos arcaicos a que os poñan en coñecemento do Museo para a súa catalogación e, se cabe, restauración.