Verín remata as actuacións previstas para a mellora de carreiro e creación de roteiro interpretativo na Veiga de Tintores Imprimir
Sábado, 03 Abril 2021 12:13

 O Concello vén de rematar as obras de mellora de carreiro e creación de roteiro interpretativo na Veiga de Tintores, nas que o Concello de Verín licitou por 20.432,92 euros (máis o IVE), dos que 20.000 euros proceden da subvención financiada integramente polo Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, cunha achega do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do 75%.


Esta actuación  tivo por finalidade a recuperación e valorización do antigo carreiro situado na Veiga de Tintores, que se inclúe dentro da Rede Natura. Dentro das obras efectuadas integrouse medioambientalmente a antiga ponte que cruza o río Támega mediante a colocación de adoquíns e substituíuse o valado metálico por outro de madeira en consonancia co ambiente no que se empraza.

Ademais mellorouse o carreiro que une devandita ponte coa pontiña sobre o rego do muíño existente e colocouse unha serie de carteis indicativos e divulgativos sobre os solos agrícolas e os aproveitamentos agrogandeiros nesta zona, xa que o tramo reformado do carreiro conecta a área de lecer e fluvial de Tintores con diversas parcelas agrícolas.

Segundo destacou o alcalde de Verín, Gerardo Seonane, a rehabilitación deste carreiro permitirá a interconexión da área de lecer de Tintores (incluso a “ciclovía do Támega”) coa outra marxe do río, no que o visitante poderá percorrer zonas de transición dun ecosistema fluvial con explotación agrogandeiras perfectamente adecuadas ó entorno.