Comeza a VI edición do FIC Vía XIV de Verín cunha completa axenda de actividades paralelas para todos os públicos Imprimir
Sábado, 04 Setembro 2021 22:22

Esta noite arrincou en Verín, co seu acto inaugural, a VI edición do FIC Vía XIV da vila do Támega. Un festival plenamente consolidado na axenda cultural da vila que traerá ata Verín case unha ducia de actividades paralelas relacionadas coa cinematografía, ademais dunha selección oficial de 26 curtas encadradas nas clásicas categorías do certame tales como Outra Mirada, Horizontes, A Raia e Nova. Por vez primeira, ademais, as curtas oficiais a concurso poderán seguirse online a través de festhome no enlace https://tv.festhome.com/festivaltv/fic-via-xiv.


Entre as actividades paralelas máis sobranceiras destaca unha dirixida aos cativos e cativas da casa. Trátase do pase do clásico de Disney, Fantasía, realizado en 1940 e que poderá verse en Verín na mañá do 12 de setembro.

As 26 curtas a concurso proceden de 12 nacionalidades diferentes, o que amosa o alto grao de internacionalización acadado polo Festival. Ademais, das curtas oficiais, poderá verse en Verín unha retrospectiva de filmes do Tempo Documentary Festival, festival convidado nesta edición polo FIC Vía XIV. No Festival Internacional de Curtas de Verín renderase, ademais, homenaxe a unha figura sobranceira do audiovisual ourensán como é o actor e comunicador Sergio Pazos.

Tierra de leche y miel

Xunto a isto, o FIC Vía XIV de Verín acolle a preestrea en Galicia do documental Tierra de leche y miel, dirixido polo verinés Héctor Domínguez-Viguera xunto a Gonzalo Recio e Carlos Mora. Un traballo que gañou a sección DOC na 65 edición do festival Seminci de Valladolid e cuxo equipo directivo está moi ligado ao Festival Internacional de Curtas de Verín, que co seu patrocinio fixo posible a finalización deste documental.

O FIC Vía XIV de Verín acollerá tamén unha presentación da webserie ourensá Os tempos mortos do fuhrer e a estrea do documental Capuchóns, realizado polo verinés Iñigo Rolán Taboada como traballo de fin de grao. A musicalización de cinema mudo en directo, a cargo do Casperverk Trío e a presentación do libro Son para audiovisuais, de Rafael Godás Ibáñez, protagonizarán tamén cadansúa actividade paralela no marco da vindeira edición do FIC.