A exposición “O viño nos Camiños de Santiago” pecha o verán con máis de 1.800 visitantes no Museo de Verín Imprimir
Martes, 05 Outubro 2021 12:00

Co remate do verán, o Museo de Verín fai balance da súa actividade dende a reapertura das súas portas o pasado mes de xuño. Tras estes meses, o total de visitantes superou a barreira dos 1.750, incluíndo turistas procedentes de Portugal, Alemaña, Holanda, Francia ou incluso Florida. Sen embargo, un ano máis, cobrou especial importancia a cifra de visitantes nacionais, amosando a tendencia do cambio de modelo cara un turismo de proximidade. Outra porcentaxe importante dos visitantes corresponde aos veciños e veciñas da comarca, que continúan a ver o centro coma un referente cultural e unha institución capaz de complementar a axenda de ocio local.



Durante estes meses, ademais das exposicións permanentes habituais, o museo reforzou a súa oferta con dúas exposicións temporais, “Emerxencia climática: feitos e datos” cedida polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) e “O viño nos Camiños de Santiago”, cedida polo Museo do Viño de Galicia.

A exposición “O viño nos Camiños de Santiago”, un reclamo para o turismo internacional

No pasado mes de xullo, o Museo de Verín acollía a exposición “O viño nos Camiños de Santiago”, cedida polo Museo do Viño de Galicia e comisariada por Francisco Singul Lorenzo, doutor en Historia da Arte. Esta exposición pretende difundir a relación de longa data entre o viño e as rutas xacobeas. Así, sen perder de vista o marco xeral, preséntase unha liña temporal con referencias directas a Galicia. Terra coñecedora do viño dende momentos previos á incorporación a Roma e na que, cada vez parece máis probable, se tería comezado a producir no horizonte da segunda metade do século I d.C.

A tradición vitivinícola da veciñanza da comarca de Verín e a cada vez máis notoria fama dos viños da Denominación de Orixe Monterrei crearon o contexto perfecto para que esta exposición se convertera no gran atractivo turístico e cultural entre os visitantes do Museo. Durante as visitas guiadas que tiveron esta exposición como eixo central destapáronse moitas intrigas e consultas entre os visitantes, especialmente os estranxeiros. A información dos seus paneis interpretativos converteuse nun punto de partida para coñecer máis alá a realidade vitivinícola que marcou a sociedade desta comarca e, como non, o fomento da cata dos caldos da propia Denominación e a visita ás súas bodegas.

MUSEO CLAUSTRO MERCEDARIO

Nos seus tres anos de vida, o Museo de Verín organizou máis de 200 actividades académicas,

divulgativas e pedagóxicas enfocadas a traballar na dirección que deu orixe a esta institución:

dar a coñecer a historia da súa comarca e crear entre os seus veciños un sentimento de identidade. Localízase nun emblemático edificio verinense, situado na Praza da Merced, de estilo Barroco do século XVIII e construído en parte con pedras procedentes da fortaleza de Monterrei, As súas exposicións permítennos mergullarnos na pel dos contrabandistas da raia con Portugal, aló polo tempo da ditadura, ou incluso visitar unha lareira tradicional e lembrar

(ou descubrir) como era a vida ao redor destas habitacións tan significativas nas casas galegas. Pero sobre todo, grazas ao fío condutor do viño, podemos descubrir a forte tradición vitivinícola que marca a historia pasada e presente de Monterrei.

A estratexia pedagóxica do Museo pretende mellorar as relacións das persoas coa súa contorna. Para iso, traballase a prol de dar a coñecer o valor patrimonial e cultural da comarca de Verín, sempre procurando estimular o coñecemento e a conversa e achegando o debate dos obxectivos da axenda 2030 á realidade diaria da súa veciñanza. Crear unha identidade comarcal propia, potenciar o patrimonio da comarca e dinamizar a vida cultural da vila continuarán sendo os obxectivos principais do Museo.

Estase a traballar xa na tempada de inverno e pronto anunciaranse novas exposicións e actividades que contribúan a complementar a oferta cultural da comarca. Coma sempre, o centro continúa aberto para visitar as súas exposición permanentes no horario de mércores a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas e domingos de 11.00 a 14.00 horas. Para calquera consulta, os usuarios poden contactar co museo a través do correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo   ou ben chamando ao teléfono 617963905.