Éxito de participación con máis de 6.000 visitantes no stand de Verín “Vila Balnearia” instalado Termatalia Imprimir
Martes, 04 Outubro 2022 14:03

 Os máis de 6.000 profesionais que visitaron o stand de Verín instalado na 20ª edición de Termatalia confirman rotundo éxito de participación obtido este ano. Coa súa caseta “vila balnearia” o Concello de Verín presentou a súa aposta da promoción do turismo sostible e de saúde. Unha “buvette” rodeada por distintas imaxes cos fitos termais da vila foi un dos máis valorados polos visitantes.


Tras máis de dúas décadas participando en Termatalia, a feira máis importante de Termalismo a nivel internacional, Verín presentábase este ano ao evento de forma individual co obxectivo de potenciar a imaxe turística como vila balnearia, tanto entre profesionais do sector como entre os visitantes ao evento xa que se fomenta o intercambio de experiencias co fin de impulsar o mercado estratéxico do Turismo sostible e de Benestar.

O stand estivo a cargo da técnica de Turismo do Concello de Verin, que deu resposta ás múltiples cuestións e dúbidas que os visitantes expuñan á chegada da caseta; na súa maioría profesionais do sector, expertos en turismo de benestar ou empresarios do sector turístico.

Verín aproveitou o evento para promocionarse como destino turístico termal xunto con Chaves, mantendo reunións con empresas e consultoras profesionais do sector termal con ampla experiencia na xestión da industria do turismo.


Os visitantes

A feira de termalismo converteuse un ano máis en marco formativo para o alumnado dos distintos centros de Formación Profesional de Galicia e Portugal e entre os que se incluían ademais alumnos da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

O presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais Manuel Baltar; Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra e  Deputada provincial, responsable de Termalismo, Representante de Balnearios de Galicia, Presidente de Vilas Termais de España; o secretario xeral de Great Spa Towns of Europe, Paul Simons; Alejandro Rubín presidente da Asociación Internacional para a Cooperación Turística, Médicos hidrólogos, hostaleiros; así como diferentes plataformas de comercialización Turísticas interesáronse por saber que ofrece Verín.


O auguismo

As afloramentos da auga mineiro medicinal en Verin son un elemento singular da vila, un recurso endóxeno, que definiu o seu carácter balneario desde o s. XIX.

Os numerosos balnearios e a variedade de augas foron un referente desde o século XIX cando a burguesía visitaba a vila, para pasar tempadas de descanso e repouso mentres realizaban o seu tratamento baseado na inxesta de auga e outros tratamentos complementarios.

As propiedades recoñecidas das augas, favoreceron o seu embotellamento para que os pacientes puidesen seguir o tratamento na súa casa, isto sería o embrión do aproveitamento industrial das augas mineiro medicinais de Verín.


Importante presenza de Verín na Cata Internacional de Augas

Un ano máis unha auga de Verín consegue quedar finalista na Cata Internacional de augas. Nissi Spirit, Magma Orixinal, Fontecelta e Auara, foron as augas gañadoras da XIX Cata Internacional de Augas.

No caso de Verín, a auga Magma Orixinal de Augas de Cabreiroá, obtivo o primeiro premio na categoría Auga mineral con Gas Natural.

20ª Edición de Termatalia

A feira reuniu a profesionais de 25 países de Latinoamérica e de Europa cun vínculo en común, a auga termal e a importancia da mesma como modelo de tratamento terapéutico e de benestar.

Foron para Verin dous días de actividade promocional que supuxeron o reencontro presencial con representantes institucionais, empresarios e profesionais do sector termal. Dar a coñecer o auguismo, achegar a cultura da auga, manter reunións técnicas, dar a coñecer a contorna da vila e promover as visitas ao destino Chaves Verin, foron as actividades durante estas dúas intensas xornadas.