O subdelegado de Goberno e o alcalde de Verín visitan as novas instalacións deportivas de A Granxa Imprimir
Xoves, 29 Abril 2010 13:42

O subdelegado do Goberno, Camilo Ocampo, e o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, visitaron esta mañá as instalacións deportivas municipais de A Granxa, realizadas con inversións efectuadas pola Deputación de Ourense, Xunta de Galicia, Concello de Verín, Fondo Estatal de Inversión Local 2009 e o Fondo Estatal para o Emprego e Sostenibilidade Local 2010.

Unhas achegas que alcanzan a cifra de 1.734.595,01 €, e permitiron a renovación do colector do edificio, construción dun campo de fútbol sintético, pistas de pádel, calefacción, aseos, vestiarios e peche da zona polideportiva de A Granxa. “Trátase dunha completa instalación, situada nun enclave estratéxico por estar próxima a centros educativos, coa queremos promover o deporte entre a poboación da localidade”, recoñeceu o Jiménez Morán.  

O acondicionamento do campo de fútbol de A Granxa e a reforma do pavillón deportivo son solo dous dos 15 proxectos enmarcado no Plan E do 2009, entre os que tamén se atopaban a mellora da rede de abastecemento e dotación de servizos en Pazos, Vilela, Feces de Cima, Feces de Abaixo, Mandín e varias rúas da localidade de Verín.

Para o 2010, dentro do Fondo Estatal para o Emprego e Sostenibilidade Local 2010, o Concello de Verín presentou 16 proxectos que suman un importe de 1.539.125 euros e xerarán 107 empregos. Entre os proxectos presentados atópanse os seguintes: construción e mellora de centros sociais en Feces de Abaixo, Queizás e Mandín, adecuación dunha área recreativa-deportiva na avenida de Laza, mellora da rede de abastecemento e saneamento do Camiño Vello de Fontenova, Camiño Vello de Sousas, dende o cuartel ata Pazos e en Pazos; e a instalación de colectores soterrados na avenida Luis Espada e nas rúas Galicia e Constitución. “Son todas obras moi necesarias para o municipio, que mellorarán a calidade de vida  e xerarán emprego”, asegurou o subdelegado do Goberno.